O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de destinar 10.000 euros á reconstrución dunha unidade de atención sanitaria que foi derrubado polas intensas chuvias do pasado mes de outubro nos campamentos de Tinduf. Os fondos de emerxencia canalízanse a través da asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e serán xestionados pola Media Lúa Vermella Saharauí.
As inundacións do pasado outono viñeron agravar as xa difíciles condicións de vida da poboación refuxiada en Alxeria. O torrente de auga e os refachos de vento causaron cuantiosos danos nas infraestruturas e edificios públicos, coma os dispensarios ou o propio hospital, ao que contribuíu a inestabilidade do chan de area e a inexistencia dun sistema de evacuación de pluviais. Ao tempo, producíronse cortes de electricidade e nos transportes, que incidiron no desabastecemento de auga e alimentos.
