O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsa o desenvolvemento de Mozambique en parcería coa ONU

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsa o desenvolvemento de Mozambique en parcería coa ONU

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsa o desenvolvemento de Mozambique en parcería coa ONU 800 533 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsará en colaboración coa ONU o desenvolvemento da provincia mozambicana de Maputo cun investimento de  62.342 euros. O presidente da asociación municipalista galega, Alfredo Novoa, e mais o responsable no Estado español da iniciativa ART do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), Antonio Zurita, presentaron o pasado 14 de xullo, en Santiago de Compostela, o programa ART-PAPDEL de apoio ao proceso de desenvolvemento económico local en Mozambique. No acto participaron tamén a concelleira Ermitas Valencia, do Concello da Coruña; a edil Margarita Castejón, do Concello de Pontevedra; a concelleira María Méndez, do Concello de Vigo, e mais o técnico Xesús Mazaira, da Deputación de Lugo. As catro administracións, que forman parte da Comisión de Cidades e Deputacións creada no seo do Fondo Galego, cofinancian o proxecto que se levará a cabo en parcería co PNUD a través da iniciativa ART de artellamento de redes territoriais. Os Concellos da Coruña, Pontevedra e Vigo contribúen cunha aportación de 15.000 euros cada un, mentres que a Deputación lucense achega os 17.343 euros restantes.

O presidente do Fondo Galego de Cooperación explicou que a entidade incorpórase na segunda fase dun programa trianual. “O PNUD ten experiencia, estrutura, capacidade e solvencia e permítenos levar a cabo un proxecto con garantías”, apuntou Alfredo Novoa. Pola súa banda, o responsable estatal da iniciativa ART, que promove a relación coa cooperación descentralizada, lembrou que Mozambique “é un dos países con menor índice de desenvolvemento humano no mundo”, coñecido polas guerras e os desastres naturais, que agora vive nunha certa estabilidade que está a favorecer o seu crecemento. Zurita apuntou a necesidade de consolidar non só os servizos sociais e as políticas de inclusión, senón que tamén “é importantísimo que exista emprego, porque se non a poboación abandona o territorio”. No marco do concepto de desenvolvemento humano integral, “o programa ART-PAPDEL incide na creación de postos de traballo a través do fortalecemento da Axencia de Desenvolvemento Económico Local da provincia de Maputo, mediante accións de formación ocupacional, viveiros de empresas, microcréditos, etc. para promover o emprego, nomeadamente da muller, que en Mozambique é o alicerce fundamental da familia”.

Neste senso, “vanse impulsar actuacións concretas de apoio á economía social vinculada á muller, coa formación de recursos humanos mediante escolas-obradoiro, e vaise promover un plano estratéxico no territorio para que as sucesivas propostas de cooperación actúen como complemento”. Antonio Zurita apostou pola asistencia técnica do Fondo Galego en áreas como residuos sólidos, auga potable, promoción da inclusión social ou vivenda. “Á vez propiciarase que a poboación beneficiaria devolva a visita para contar en Galicia en qué medida todo isto está sendo útil, ademais de coñecer novas experiencias que dende aquí se poidan achegar ao territorio”. O representante da ONU lembrou que o traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade “é coñecido en diferentes partes do mundo” e  avogou por “consolidar unha alianza estable” coa asociación municipalista galega a partir desta primeira experiencia.

Asesoramento e formación

A misión do programa no que participa o Fondo Galego é contribuír á redución da pobreza e á consecución dos Obxectivos do Milenio en Mozambique, promovendo a estratexia de Desenvolvemento Económico Local (DEL) a través do apoio aos axentes da provincia de Maputo para dinamizar a economía e crear emprego na zona, sobre todo feminino. Para acadar estas metas, o Fondo Galego de Cooperación impulsará actividades como a capacitación para identificar as oportunidades de negocio, o apoio a iniciativas empresariais ou a formación e a asistencia técnica aos emprendedores locais en materia de xestión e produción. Estableceranse asemade incubadoras de empresas, tecnocentros, maquicentros e centros de promoción empresarial. Tamén se financiarán proxectos concretos que beneficien ás capas vulnerables da sociedade, como os anciáns ou as persoas con discapacidade física, e que garantan o empoderamento das mulleres. Ao mesmo tempo, transferirase e difundirase o coñecemento sobre DEL con misións internacionais e eventos nacionais.

A estratexia do Fondo Galego de Cooperación implica así mesmo procurar en Galicia potencialidades semellantes ás dos territorios da provincia de Maputo que poidan servir de referencia a efectos de asistencia técnica e capacitación. Identificaranse potenciais investidores e promoverase o contacto coas institucións galegas, ademais do intercambio de experiencias con actores do DEL en Galicia. Haberá tamén unha visita ao noso país dun técnico ou técnica de ART xunto cun alcalde ou alcaldesa dalgunha localidade beneficiaria, a fin de visibilizar o traballo desenvolvido co apoio do Fondo.

As beneficiarias e os beneficiarios directos deste proxecto serán, a nivel local, 200 emprendedoras e 150 emprendedores favorecidos polos postos de traballo creados nos vindeiros anos. Á vez, máis de 300 persoas serviranse das capacitacións e da asistencia técnica. As beneficiarias e  beneficiarios indirectos han ser as familias da poboación emprendedora, xa que tirarán proveito das capacidades adquiridas e da renda xerada.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información