O Fondo Galego de Cooperación dota de auga corrente ás 50 familias da vila caboverdiana de Baleia

O Fondo Galego de Cooperación dota de auga corrente ás 50 familias da vila caboverdiana de Baleia

O Fondo Galego de Cooperación dota de auga corrente ás 50 familias da vila caboverdiana de Baleia 800 600 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

As 50 familias da localidade de Baleia, no municipio caboverdiano de Brava, dispoñen xa de auga corrente grazas ao proxecto cofinanciado en 2010 polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A iniciativa repercutirá na mellora da calidade de vida da poboación e axudaralle a saír da precariedade mediante actividades agropecuarias, que son tradicionais na zona pero que se vían afectadas pola carestía da auga.

O Fondo Galego investiu 12.840 euros na extensión da rede de abastecemento e a súa conexión aos domicilios. A Cámara Municipal de Brava actuou como parceira local e a propia comunidade achegou a man de obra necesaria para as obras de canalización. Os 230 habitantes de Baleia beneficiaranse desta actuación, especialmente as mulleres e nenas, que adoitaban ser as encargadas de transportar a auga dende a fonte onde se vendía. As donas poderán dedicar agora ese tempo a outras cuestións que redundarán no seu empoderamento: tarefas produtivas, actividades educativas e de lecer, político-culturais, de descanso, etc. O obxectivo é avanzar na participación social e familiar das donas, na real consecución dos seus dereitos e na desestruturación dos roles de xénero.

A través deste proxecto, capacitouse a homes e mulleres cabezas de familia en técnicas de horticultura e microirrigación, formouse ás donas en confección de encaixes e bordados e leváronse a cabo campañas de concienciación sobre o coidado ambiental e o uso responsable da auga. Sensibilizouse asemade á poboación sobre prácticas hixiénico-sanitarias, co obxectivo de reducir nun 20% a incidencia de enfermidades diarreicas. Tamén se traballou a igualdade de xénero cos homes da vila, a fin de que respecten os dereitos das mulleres e compartan as actividades do fogar.

O proxecto promovido polo Fondo Galego de Cooperación enmárcase no 7º dos oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que sitúa o acceso á auga entres as principais preocupacións das Nacións Unidas. Esta cuestión cobra unha especial relevancia en Cabo Verde, un país gravemente afectado pola seca e no que o 90% dos alimentos son importados.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información