O Fondo Galego de Cooperación denuncia o ataque sufrido polo seu parceiro en Haití, o SKDK

O Fondo Galego de Cooperación denuncia o ataque sufrido polo seu parceiro en Haití, o SKDK

O Fondo Galego de Cooperación denuncia o ataque sufrido polo seu parceiro en Haití, o SKDK 800 600 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade quere denunciar publicamente os ataques sufridos polo seu parceiro en Haití, o Centro para a Cultura e o Desenvolvemento de Carice (SKDK), e que segundo testemuños presenciais foron perpetrados por partidarios do partido oficialista INITÉ.

O clima de inestabilidade tense agravado en Haití dende que se coñeceron os resultados electorais, que ratifican o triunfo presidencial de Michel Martelly e, no entanto, outorgan a maioría parlamentaria a INITÉ. Unha maioría, esta última, que foi posta en dúbida dende diversas frontes.

O SKDK e outras organizacións da zona estiveron traballando durante o proceso electoral para concienciar aos veciños e veciñas da rexión e activaron un procedemento de observación que evitou a fraude a favor de INITÉ. Semella que precisamente ese labor a prol duns comicios xustos desencadeou os episodios violentos que o 21 de abril se produciron, entre outros lugares, en Carice, un dos tres municipios nos que se desenvolve o proxecto do Fondo Galego en Haití.

Ao parecer, simpatizantes do candidato oficialista, Jn Berthole Bastien, asaltaron a diversos membros das organizacións sociais da localidade. Os disturbios saldáronse coa sede do SKDK queimada, así como a radio comunitaria Tèt Ansanm Karis, a biblioteca comunitaria e outros seis locais máis. Nestes intres, os líderes das organizacións locais de Carice e integrantes do SKDK son vítimas da persecución.

Os testemuños identificaron aos asaltantes, que ían armados e a cara descuberta, e o SKDK xa cursou unha denuncia contra eles. O Fons Català de Cooperació al Desenvolupament e o Fondo Galego, canda outras entidades de ámbito internacional que colaboran no desenvolvemento de Carice, acordan denunciar aos agresores ante as autoridades competentes. A pesar do acontecido, o proxecto que ambos os dous Fondos desenvolven no noroeste de Haití, en resposta ao grave terremoto de 2010, segue adiante.

Descarga aquí a Declaración da Primeira Conferencia de Radios Comunitarias no Caribe.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información