O Fondo Galego conmemora os seus 25 anos cun gran acto de recoñecemento

O Fondo Galego conmemora os seus 25 anos cun gran acto de recoñecemento

O Fondo Galego conmemora os seus 25 anos cun gran acto de recoñecemento 1420 1368 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora os seus 25 anos de andaina cun gran acto no que se recoñecerá o labor dos concellos fundadores e das entidades que impulsaron esta rede na que un cento de municipios e tres deputacións comparten un firme compromiso cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Representantes da administración local, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno participarán no evento que se celebrará mañá ás 11 horas na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán), onde os países do Sur estarán representados polo presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos.

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, será o encargado de abrir o acto no lugar onde se celebraron as primeiras xuntanzas da entidade, impulsada tamén polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en nome do cal falará o seu director, Daniel G. Palau. A seguir, intervirá o presidente da ANMCV, Herménio Fernandes, cando se conmemoran dúas décadas de colaboración con Cabo Verde. Tomarán a palabra, a continuación, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdelegada do Goberno de España en Pontevedra, Maica Larriba.

Un dos momentos máis especiais da xornada chegará coa entrega de recoñecementos aos concellos promotores do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Allariz, Arteixo, O Carballiño, Corcubión, Culleredo, Fene, O Irixo, Moaña, Nigrán, Oleiros e Porto do Son. Tamén subirán ao estrado outras entidades que apoiaron a súa creación, como a Federación Galega de Municipios e Provincias ou a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, que agrupa a máis de 1.000 municipios e na que o Fondo Galego ocupa a Vicepresidencia.

A actriz Diana Sieira será a encargada de conducir o acto, que contará coa música galega de Leni Pérez e Roberto Comesaña e mais cos ritmos angolanos de Alberto Mvundi. Así mesmo as e os asistentes recibirán dous simbólicos agasallos: unha boneca elaborada por mulleres mozambicanas e unha árbore autóctona cedida pola Escola de Capataces Forestais de Lourizán (Pontevedra). Ademais, proxectaranse varios vídeos, un deles en homenaxe a Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego durante catorce anos.

Proxectos, sensibilización e Axenda 2030

Desde a súa constitución en 1997, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apoiado preto de 200 proxectos en máis de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, nos últimos tempos, Mozambique e Guinea-Bissau, alén dos campamentos saharauís. Auga e saneamento, vivenda, xénero, educación, saúde, infraestruturas comunitarias ou xestión de residuos son algúns dos sectores de actuación. Ademais, cómpre destacar os programas de cooperación técnica, que envían a persoal dos concellos galegos a traballar sobre o terreo cos parceiros no Sur Global.

Ao longo deste cuarto de século, o Fondo Galego promoveu tamén numerosas actividades para sensibilizar á cidadanía galega fronte as desigualdades, en forma de exposicións, concertos, contos, obradoiros, teatro, audiovisuais, charlas, certames, etc. Nestes intres, desenvólvense asemade diversas accións para implicar á xente nova na loita contra o cambio climático a través do proxecto europeo People & Planet.

Por outra banda, o Fondo Galego impulsa desde 2015 múltiples iniciativas para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e promover a implementación da Axenda 2030 no eido local, incluída a formación nesta materia de cadros políticos e técnicos locais e asistencias técnicas para elaborar plans municipais de localización dos ODS.

O labor do Fondo Galego de cooperación e solidariedade, que se desenvolve baixo o lema #oglobalélocal, foi recoñecido en 2020 co Premio Consello Social UVigo-Humana.

Algunhas cifras globais

Pese aos avances que se teñen acadado, aínda son moitos os retos que quedan por diante:

  • 703 millóns de persoas viven na extrema pobreza, das que o 70% son mulleres.
  • 1 de cada 10 persoas non sabe se poderá comer algún alimento no día de hoxe.
  • 1/3 da poboación mundial non ten acceso á auga potable.
  • O número de persoas que se vén obrigadas a fuxir dos seus fogares supera os 100 millóns nun ano, un lamentable máximo histórico.

Unhas cifras que confirman que a cooperación internacional segue a ser necesaria, tamén a impulsada polas nosas deputacións e concellos a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información