O Fondo Galego coorganiza en Cabo Verde o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

O Fondo Galego coorganiza en Cabo Verde o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

O Fondo Galego coorganiza en Cabo Verde o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía 2560 2560 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A cidade caboverdiana de Mindelo acollerá do 7 ao 9 de xullo o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e pola Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde. Autoridades locais e rexionais de Galicia, do arquipélago africano e mais de Portugal, Brasil, Angola, Guinea-Bissau, Mozambique ou São Tomé e Príncipe participarán neste encontro, cofinanciado pola Xunta e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), co que se promove a implementación da Axenda 2030 no eido local.

‘Desenvolvemento local e a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, unha visión asentada no proceso de transición dixital dos territorios’ é o epígrafe baixo o que se celebrarán as xornadas, que se divulgan coincidindo co Día de África, no que Nacións Unidas chama precisamente a apoiar ao continente na consecución dos ODS. O programa incorpora tanto sesións plenarias como obradoiros arredor das tres temáticas principais: resiliencia fronte ao cambio climático, finanzas municipais e mobilización de recursos, e mais planificación, xestión e orzamentos participativos nas políticas públicas locais.

Así mesmo, haberá unha mesa de intercambio de experiencias sobre a monitorización da Axenda 2030 e xuntanzas entre os actores para concretar futuras colaboracións. Terá lugar asemade a reunión anual da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, impulsada polo Fondo Galego tras o primeiro foro realizado en Santiago de Compostela en 2019. As persoas participantes terán ademais ocasión de visitar Mindelo e a illa de Santo Antão.

Ata o 30 de maio está aberto o prazo para que as deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que desexen presentar en Cabo Verde boas prácticas arredor das temáticas sobre as que xira o evento envíen as súas candidaturas a través da ligazón bit.ly/InscricionForo3. No entanto, calquera persoa que queira asistir pola súa conta ao III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía pode apuntarse no mesmo formulario.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información