Os concellos de Cambre, Barro, Ourense e mais a Deputación de Lugo acollerán entre o 21 e o 24 de xaneiro as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fará balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2018, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, presentará as accións para o ano en curso, recollendo as achegas das e dos participantes.
Todas as reunións darán comezo ás 10.30 horas e as técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego poden escoller a cal acudir. A sesión abrirase cun repaso ao plan de actividades do pasado exercicio, que se saldou coa incorporación de seis novos concellos. As actividades de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas duns setenta municipios en forma de exposicións, contos, arte urbana ou espectáculos musicais e teatrais.
En canto aos proxectos de cooperación internacional, déuselle continuidade ás dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Ademais, o Fondo Galego está a participar nunha proposta europea para consolidar o proceso de paz en Colombia, alén de apoiar a ONGD galegas en Guinea-Bissau, Honduras e Guatemala. Deste último país procede o responsable de formación docente da Fundación Pedro Poveda, Jorge Monroy, que intervirá nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria para dar a coñecer o proxecto que se está executando sobre o terreo para promover unha educación integral en sexualidade en centros educativos do municipio de Chinautla.
En 2019, está previsto continuar captando máis administracións socias, pechar os dous proxectos en Mozambique e iniciar outros novos con municipios da África lusófona, amais de reservar unha partida para axudas de emerxencia. Do mesmo xeito, seguirase concienciando á cidadanía galega a través de diversas actividades e reeditarase o programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo, entre outros. Nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria recolleranse as suxestións do persoal técnico municipal e provincial para o plan anual, pois o obxectivo é favorecer a circulación da información para realizar unha xestión eficaz.
CALENDARIO DAS RMS
21/01/2019 Concello de Cambre. Casa da Cultura ‘Vila Concepción’ (Praza Vila Concepción nº1, O Temple – O Seixal).
22/01/2019 Concello de Barro. Salón de plenos da Casa Consistorial (San Antoniño nº11, Perdecanai).
23/01/2019 Deputación de Lugo. Salón verde da Deputación Provincial (Praza San Marcos nº8).
24/01/2019 Concello de Ourense. Centro Cívico Colón (R/ Colón nº18).
ORDE DO DÍA DAS RMS
1. Balance do Plan de Actividades 2018.
2. Presentación do proxecto sobre educación sexual en Guatemala.
3. Definición do Plan de Actividades 2019.
4. Rogos e preguntas.