O Fondo Galego convoca á Rede Municipalista Solidaria nas catro capitais de provincia

O Fondo Galego convoca á Rede Municipalista Solidaria nas catro capitais de provincia

O Fondo Galego convoca á Rede Municipalista Solidaria nas catro capitais de provincia 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello de Ourense e as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra acollerán entre o 30 de xaneiro e o 2 de febreiro as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fará balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2017, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, presentará as accións para o ano en curso, recollendo as achegas das e dos participantes.

Todas as reunións darán comezo ás 10.30 horas e as técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego poden escoller a cal acudir. A sesión abrirase cun repaso ao plan de actividades do pasado exercicio, no que se conmemorou o vixésimo aniversario do Fondo Galego, e que se saldou coa incorporación de cinco novas administracións. As actividades de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas duns sesenta concellos en forma de exposicións,  documentais, contos, obradoiros ou espectáculos musicais e teatrais. Ademais, promovéronse dous proxectos en Mozambique, un para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outro para garantir o acceso á auga nun municipio abrindo catro pozos, ademais de achegar axuda alimentaria para a poboación dos campamentos saharauís e roupa de abrigo para as persoas refuxiadas na ruta dos Balcáns.

En 2018, está previsto continuar captando novas administracións socias e seguir sensibilizando á cidadanía galega a través de actividades como dúas exposicións fotográficas, unha das cales será presentada polo propio reporteiro Adrián Irago. Tamén continuará o programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo e desenvolveranse novos proxectos no Sur canda ONGD galegas, entre outros. Nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria recolleranse as suxestións do persoal técnico municipal e provincial para o plan anual, pois nestes encontros o obxectivo é favorecer a circulación da información para realizar un traballo eficaz.

CALENDARIO DAS RMS
30/01/2018
. Concello de Ourense. Sala de lectura do Centro Cívico Colón (R/ Colón, 18).
31/01/2018. Deputación de Lugo. Salón verde da Deputación (Praza San Marcos, 8).
01/02/2018. Deputación da Coruña. Sala de prensa ‘Juanjo Gallo’ da Deputación (Av. Porto, 2).
02/02/2018. Deputación de Pontevedra. Sala de xuntas do Pazo Provincial (Av. Montero Ríos, s/n).

ORDE DO DÍA DAS RMS
1. Balance do Plan de Actividades 2017
2. Mozambique a través das imaxes de Adrián Irago
3. Elaboración do Plan de Actividades 2018
4. Rogos, preguntas, suxestións.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información