O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinou en 2017 un total de 6.000 euros á provisión de alimentos para a poboación refuxiada saharauí dos campamentos de Tinduf, en Alxeria. A devandita axuda humanitaria facilitóuselle á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), que á súa vez a canalizou a través das autoridades locais e da Media Lúa Vermella, que realizou a distribución segundo criterios de necesidade e urxencia.
O esgotamento das reservas de alimentos básicos, especialmente azucre e arroz, obrigou ao Programa Mundial de Alimentos a reducir nun 20% as racións mensuais destinadas á poboación xa a mediados de ano. Ao tempo que minguaron os alimentos frescos dispoñibles, tamén se acabaron os produtos micronutrintes, dirixidos a loitar contra a malnutrición e a anemia, poñendo en risco a 220.000 mulleres e nenos afectados por estas doenzas. Xerouse así unha grave crise alimentaria, que coincidiu co aumento das temperaturas, de aí o chamamento á comunidade internacional para incrementar as doazóns.
O Fondo Galego colaborou en varias ocasións con Sogaps para mellorar as condicións de vida das refuxiadas e refuxiados do Sáhara, principalmente en materia de sanidade e alimentación. A última foi en 2016, cando se cofinanciou con 10.000 euros a reconstrución dun centro sanitario que fora derrubado polas intensas chuvias do ano anterior. Así mesmo, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apoiado a distintas poboacións refuxiadas, como a palestina ou a siria, con accións de emerxencia e declaracións institucionais nas que reclamaba medidas ás altas instancias políticas para atallar as verdadeiras causas do problema, en cuxo cerne están os intereses xeopolíticos dos países máis poderosos.