O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribuíu con 10.000 euros a combater a vaga de frío siberiano que o pasado inverno afectou ás persoas refuxiadas na ruta dos Balcáns. O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) vén de remitir o informe que xustifica o destino de tal investimento na semana en que se conmemorou o Día Mundial da Asistencia Humanitaria, que cada 19 de agosto rende tributo ás e aos cooperantes que arriscan as súas vidas axudando a outros. "A población civil non é un obxectivo" é ademais o lema deste ano.
Á cifra achegada pola asociación de administracións locais e provinciais, súmanse 1.825 euros aportados a maiores polo Concello de Teo, a razón de 10 céntimos por habitante, e outros 30 euros doados por unha persoa anónima. O total da contía investiuse en artigos coma roupa, mantas e estufas para as e os solicitantes de asilo acollidos en centros serbios, en coordinación co goberno do país e cos parceiros locais. Alí pasan unha media de seis meses antes de cruzar a fronteira, en precarias condicións e mesmo chegando a soportar temperaturas baixo cero.
No entanto, o Fondo Galego de Cooperación é consciente de que este tipo de axudas non son a solución, que debe chegar desde as altas instancias políticas. Así o esixía hai xa un tempo con declaracións institucionais nas que reclamaba substituír as medidas restritivas por accións que atallen as causas do problema, en cuxo cerne están os intereses xeopolíticos dos países máis poderosos, ao tempo que chamaba rexeitar os movementos xenófobos.
Segundo os datos de Acnur, unha vez finalizada a situación de emerxencia que derivou da vaga de frío, o número de persoas refuxiadas en Serbia permanece estable e sitúase en algo máis de 7.000, das que o 43% son nenas e nenos, o 42% homes e o 15% mulleres. Trátase principalmente de persoas procedentes de Afganistán, Iraq, Pakistán e Siria que foxen dos conflitos nos seus lugares de orixe á procura dunha vida mellor.