O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cofinanciará con 76.810 euros tres proxectos de ONGD galegas en Mozambique, El Salvador e Cuba. A Asemblea xeral de socios celebrada esta mañá en Santiago de Compostela aprobou as propostas presentadas por Ecos do Sur, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz para desenvolver áreas como a educación ou a prevención de riscos en países empobrecidos. As dúas deputacións e os 90 concellos socios do Fondo Galego estaban chamados a participar na xuntanza, celebrada na sede da Fegamp, onde tamén se presentou o novo Plan de Comunicación Online da entidade.
A resolución da convocatoria de 2013 contempla destinar 18.000 euros ao proxecto de Ecos do Sur en Mozambique para mellorar os servizos educativos e sanitarios nunha escola de Maputo, a través de diversas accións orientadas á mellora do sistema de auga e saneamento do centro. A intervención encádrase nun programa máis amplo coa organización Adane Moçambique, que coa cooperación española construíu este colexio para 1.200 estudantes. Na actualidade acolle a máis do dobre, o que provoca o deterioro das instalacións.
O proxecto presentado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) coa ONGD salvadoreña Cordes subveciónase con 29.345 euros destinados a reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións en comunidades e centros escolares do Bajo Lempa. Actuarase na mitigación, sensibilización e educación ambiental, amplificando os resultados da formación e a capacidade de reacción nas emerxencias a través da radio comunitaria.
Asemblea de Cooperación pola Paz, pola súa banda, recibe 29.465 euros para fomentar as capacidades de prevención fronte aos desastres na Habana Vieja e contribuir á recuperación dun Ben de Interese Cultural mediante a creación dun centro de interpretación meteorolóxico no antigo convento de Belén, que realizará un labor pedagóxico sobre as tormentas tropicais e furacáns que afectan a Cuba. A actuación, en colaboración coa Oficina do Conservador de La Habana, encádrase nunha iniciativa posta xa en marcha con cofinanciamento español para rehabilitar o edificio a fin de empregalo para diversos servizos.
Ademais de resolver a convocatoria aberta este ano, á que 15 ONGD galegas presentaron un total de 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento nunha decena de países, na Asemblea xeral do Fondo Galego expúxose asemade un avance do Plan de Comunicación Online, ao que cada deputación e concello socio pode contribuír e, á vez, tirar rendemento, aproveitando o valor agregado que supón formar parte desta rede de institucións e persoas. O documento parte da base de que tamén cooperamos cando comunicamos, por exemplo visibilizando as motivacións e resultados dos proxectos no Sur ou das actividades de sensibilización en Galicia. As novas tecnoloxías e as redes sociais permiten redimensionar o alcance desta difusión e pór en marcha boas prácticas ao respecto.
A presidenta do Fondo Galego, Teresa París, presentou ademais no encontro o estado da asociación municipalista e as accións previstas no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde, que se desenvolverá entre o 8 e o 15 de decembro coa visita dunha delegación caboverdiana e as VIII Xornadas do Fondo Galego ‘Comunicación e cooperación internacional’, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos.
Finalmente anexámosvos aquí a Resolución de proxectos 2013 que aprobou a Asemblea xeral baixo proposta da Comisión Executiva; en función das Bases da convocatoria 2013 e a decisión de non financiar nesta convocatoria ás ONGD seleccionadas na Convocatoria de proxectos 2012, no desexo de diversificar as axudas dentro do sistema galego de cooperación.