– O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiará ademais de xeito directo senllas actuacións en vivendas de familias indíxenas e nunha escola.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asinou esta mañá con catro ONG os convenios para cofinanciar outros tantos proxectos de cooperación en países do Sur. A resolución da convocatoria de proxectos de 2012, aprobada na última Asemblea xeral, inclúe ademais senllas actuacións de cooperación directa da entidade cos seus parceiros en terreo.
Entre as accións subvencionadas aos axentes galegos de cooperación, apoiarase con 16.983 euros unha intervención para reducir a incidencia de doenzas coma o mal de Chagas en Nicaragua, presentada por Taller de Solidaridad co Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto) como coparte. O fin é mellorar a calidade de vida da poboación indíxena erguendo vivendas e impartindo formacións en autoconstrución, hixiene ou agricultura biolóxica.
A ONGD Implicadas no Desenvolvemento, pola súa banda, obtivo 8.495 euros para promover a participación social e política das mulleres na India, favorecendo así a equidade de xénero. Co respaldo do seu socio local PDI, empregarase a metodoloxía dos grupos de aforro e outras actividades para traballar a autoestima e empoderamento de 1.500 mulleres.
Ao tempo, Enxeñería sen Fronteiras recibirá 18.202 euros para mellorar as capacidades de xestión dos recursos hídricos do persoal da Municipalidade de Marcovia, en Honduras. Elaborarase un plan de xestión da auga e capacitarase nas ferramentas informáticas necesarias para elaborar o documento, contribuíndo así ao fortalecemento institucional.
Tamén o proxecto de Amigos da Terra no Golfo de Fonseca será subvencionado con 20.000 euros, concretamente para apoiar a xestión ambiental de dúas áreas protexidas no sector de Nicaragua. Actores e gobernos locais participan deste desenvolvemento sostible que precisa de actividades formativas e de sensibilización.
En canto á cooperación directa, o Fondo Galego volverá traballar co Inprhu para mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade en Totogalpa, coa construción de dez vivendas para familias chorotegas e diversas accións formativas. A través da entidade municipalista, da que é socio, o Concello de Vigo achega 53.661 euros a este proxecto, aos que se suman outros 1.000 euros do fondo común.
O Concello de Vigo achegará ademais 16.000 euros á rehabilitación dunha escola en Santiago de Cuba, outra iniciativa de cooperación directa do Fondo Galego, que pon 2.000 euros máis. A Oficina do Conservador da cidade é o parceiro deste proxecto e mais doutro presentado por Asemblea de Cooperación pola Paz para mellorar a habitabilidade na zona, aínda que o cofinanciamento desta última proposta queda supeditado ao correcto desenvolvemento da intervención anterior na escola e as condicións económicas de 2013.