O Fondo Galego avala o Plan Director de Cooperación autonómico pero con reservas

O Fondo Galego avala o Plan Director de Cooperación autonómico pero con reservas

O Fondo Galego avala o Plan Director de Cooperación autonómico pero con reservas 1600 1066 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade votou esta mañá a favor do IV Plan Director da Cooperación Galega, amosando no entanto as súas reticencias a respecto do que considera falta de compromiso orzamentario e inxerencia da Xunta de Galicia na autonomía local. O documento, que si recolle outras alegacións formuladas pola asociación de concellos e deputacións, foi presentado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, na xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, que reúne aos axentes do sector.

A pesar de que a planificación para o período 2018-2021 contempla melloras substanciais, o seu alcance deberá concretarse ano tras ano nos plans anuais. En calquera caso, as achegas recollidas son insuficientes, pois quedan fóra cuestións chave para o Fondo Galego, como é a de equiparar o convenio coa administración autonómica que na actualidade se sitúa nos 40.000 euros ao doutras entidades, xa que un posible aumento desta contía se supeditará aos posibles avances orzamentarios. A Xunta tampouco retomará o financiamento directo de proxectos de cooperación internacional co Fondo Galego, se ben se abre a posibles parcerías.

Outra das demandas que a Dirección Xeral desestimou foi a solicitude de que se retire a obligatoriedade de obter un informe favorable por parte da administración autonómica para as actuacións que o Fondo Galego e mais as deputacións e concellos leven a cabo no eido da cooperación ao desenvolvemento, o que se considera unha vulneración da autonomía das entidades locais. Rexeitouse asemade abrir liñas de subvencións para a contratación de persoal especializado e para dotar de contido os irmandamentos con municipios do Sur.

No entanto, o IV Plan Director da Cooperación Galega enriqueceuse con suxestións realizadas polo Fondo Galego, como a de aproveitar as nosas vantaxes comparativas potenciando a colaboración con países lusófonos –aínda que non todos-, a de reforzar o traballo conxunto dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ou a de a de incorporar a formación en cooperación internacional aos programas da Escola Galega de Administración Pública. Ademais, facilitarase o asesoramento técnico por parte de funcionariado autonómico a parceiros do Fondo Galego en países empobrecidos, ao tempo que os centros formativos da Xunta se porían a disposición para o fortalecemento institucional de municipios do Sur. A planificación 2018-2021 aposta ademais polo aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados por Nacións Unidas e pola xeración de sinerxías entre os distintos actores.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información