Representantes das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aprobaron esta mañá por unanimidade todos os puntos da orde do día da Asemblea Xeral celebrada de xeito virtual, entre os que se incluían as novas directrices de cooperación internacional ao desenvolvemento que rexerán o traballo da entidade neste eido. Tamén se deu luz verde ás bases da convocatoria de axudas para proxectos de ONGD galegas en países do Sur Global.
O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González, abriu a xuntanza anunciando que o Concello de Lugo acollerá o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional os 7 e 8 de febreiro, organizado canda a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, e facendo un chamado aos municipios para realizaren achegas extraordinarias aos proxectos no exterior. A secretaria do Fondo Galego e edil de Ames, Luísa Feijoo, tomou a palabra para proceder ao nomeamento da nova representante do Concello de San Sadurniño, Araceli Bellas, que exercerá a Vicepresidencia do Fondo Galego en substitución da anterior concelleira de Igualdade e Benestar, Ana B. Gundín.
Presentouse a continuación o documento de directrices de cooperación internacional, que reflicte o método de traballo utilizado nesta área, achegando así máis transparencia e eficacia ao tempo que se reforza a obxectividade no financiamento das propostas. Tras unha consulta previa ás 103 administracións locais e provinciais socias do Fondo Galego, márcanse como prioridades xeográficas Mozambique, Guinea Bissau, Cabo Verde, Cuba e campamentos de persoas refuxiadas saharauís. Igualdade de xénero, medio ambiente, auga, vivenda ou participación social son algúns dos sectores de actuación que se establecen. Tamén se incide nos eixos estratéxicos de fortalecemento institucional e capacitación de cadros políticos e técnicos, a través de diferentes instrumentos e sempre en liña coa Axenda 2030.
En canto ás bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a proxectos de cooperación impulsados por ONGD galegas, resolveuse destinar 100.000 euros a este fin. Financiaranse actuacións de ata un ano de duración, cun máximo de 25.000 euros, que conten coas persoas beneficiarias e que contribúan ao desenvolvemento sostible. O prazo para a presentación de propostas permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro.
Especialistas en Cooperar
Por último, tomaron a palabra as persoas participantes no programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar, que durante o mes de outubro colaboraron cos parceiros do Fondo Galego en Mozambique. Néstor Romero, técnico de deportes de Lousame, explicou as tarefas desenvolvidas no municipio de Nhamayábue, como foron os cursos para adestradores e árbitros de fútbol, que repercutiron nunha mellor organización das competicións e na promoción do fair play, ademais de potenciar o deporte feminino. Para el, “foi unha experiencia única, xa que se trata dunha realidade moi diferente na que a falta de recursos obriga a activar a creatividade, e ademais cómpre ter en conta que o deporte permite fomentar unha sociedade saudable e previr os malos hábitos entre a xente nova”.
Marga Sampedro, traballadora da área de Igualdade do Concello de Boiro, e Ana Piñeiro, arquitecta municipal de Rianxo, expuxeron o traballo realizado canda a Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos, onde impartiron formación con perspectiva de xénero. Ademais de visitar distintas vilas para asesorar sobre as materias nas que son expertas, supervisaron o proxecto de construción de catro vivendas resilientes ao cambio climático destinadas a persoas afectadas polos ciclóns, financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Galego. Segundo Sampedro, “compartir as boas prácticas dos nosos concellos resultou moi útil e tamén identificamos necesidades para futuros proxectos”. “Animo a participar neste programa porque a experiencia aporta moito no persoal e no profesional”, engadiu Piñeiro.
Pola súa banda, a directora do CIM de Poio, Raquel Morales, contribuíu a implementar a política de igualdade da Fundação Encontro dinamizando palestras e obradoiros dirixidos tanto ao propio persoal da entidade como nas comunidades e centros educativos, arredor de temas como a educación non sexista ou a prevención da violencia de xénero. “Foi unha aprendizaxe de resiliencia, fortaleza e optimismo das mulleres, sentinme como unha máis, e profesionalmente resulta moi enriquecedor coñecer a súa realidade”, valorou, pechando deste xeito a Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.