O Fondo Galego aposta polo cooperativismo para loitar contra a pobreza en Cabo Verde e Guatemala

O Fondo Galego aposta polo cooperativismo para loitar contra a pobreza en Cabo Verde e Guatemala

O Fondo Galego aposta polo cooperativismo para loitar contra a pobreza en Cabo Verde e Guatemala 1199 800 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade únese á celebración do Día Internacional das Cooperativas, que a ONU conmemora hoxe sábado, dando a coñecer os proxectos que actualmente promove en Cabo Verde e Guatemala para contribuír á loita contra a pobreza a través do cooperativismo.

A asociación de administracións locais e provinciais cofinancia con 30.000 euros a actuación no país lusófono, dos que 26.000 corresponden a unha achega extraordinaria do Concello de Vigo. O obxectivo é favorecer o empoderamento económico e social das trinta artesás que compoñen a cooperativa Sulada, tendo en conta que cada unha sustenta unha media de dez persoas. Para isto realízanse formacións co fin de mellorar a produción de xabóns, aceites, conservas, licores, bixuterías ou peiteados. Tamén se imparten capacitacións en informática, contabilidade e xestión, alén de aulas de alfabetización.

Ao tempo, adquiriranse equipamentos, uniformes e materias primas. Intensificarase asemade a promoción con materiais publicitarios, visitas a posibles clientes e o impulso da venda online. Búscase así que os ingresos das produtoras medren un 50% e, á vez, a súa independencia e autoestima. De xeito paralelo, realizaranse actividades de sensibilización sobre cooperativismo e sobre violencia de xénero e dereitos das mulleres en catro localidades da Cámara Municipal de Ribeira Grande, que actúa como parceira en terreo canda a Asociación para a Cooperación con Cabo Verde.

A cooperativa guatemalteca promove os seus produtos.No caso de Guatemala, o proxecto apoiado polo Fondo Galego a Arquitectura sen Fronteiras con 28.442 euros avoga por fortalecer a cooperativa dedicada a materiais de construción B'eljuj Q'anil, na que os beneficios se invisten en necesidades comunitarias. Impúlsanse así procesos de desenvolvemento en 16 comunidades campesiñas. Preténdese asemade mellorar a xestión e a produtividade a través de formacións, diversificación da oferta, campañas para ampliar mercado, visitas de intercambio, mellora de instalacións, etc. Ao tempo reactívase a participación da veciñanza, sobre todo das mulleres.

B’eljuj Q’anil vén de participar por videoconferencia en encontros con cooperativas galegas para informar sobre economía social en cinco concellos socios do Fondo, como parte das actividades de sensibilización en Galicia que o proxecto leva aparelladas.
 

Día Internacional

Nacións Unidas estableceu o segundo sábado de xullo como Día Internacional das Cooperativas, que este ano se celebra baixo o lema 'Elixa cooperativo, elixa equidade'. A ONU recoñece este movemento como "unha combinación única de produtos de alcance global e negocios que dan resposta ás necesidades locais". Deste xeito, teñen un papel destacado na redución da pobreza, pola súa contribución ao desenvolvemento das comunidades e á loita contra as desigualdades. Un dos obxectivos desta xornada é fortalecer as alianzas entre as cooperativas, que teñen un carácter eminentemente participativo, e os gobernos, tamén no eido municipal.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información