O Fondo Galego apoiará a municipios mozambicanos na xestión financeira

O Fondo Galego apoiará a municipios mozambicanos na xestión financeira

O Fondo Galego apoiará a municipios mozambicanos na xestión financeira 1600 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade acompañará aos municipios mozambicanos de Manhiça e Namaacha no fortalecemento da xestión financeira, co obxectivo de garantir a súa sustentabilidade económica, impulsar o proceso de descentralización e contribuír á consolidación da democracia. A misión político-técnica desprazada na última semana ao país lusófono foi recibida polos alcaldes de ambas as dúas vilas, que amosaron ademais o seu interese por coñecer a experiencia dos concellos galegos en materia de recadación no marco deste proxecto a catro anos, cofinanciado pola AECID a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.

O Fondo Galego apoiará a municipios mozambicanos na xestión financeiraO presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; o tesoureiro e alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, e mais a vogal e concelleira de Cultura e Igualdade en Viveiro, Lara Fernández, culminaron con estes encontros a axenda en terreo, que sufriu algúns desaxustes debido á inestabilidade xerada tras as recentes eleccións presidenciais, con disturbios nalgunhas zonas. Deste xeito, ante a convocatoria de folga lanzada polo principal líder opositor para o pasado luns, que paralizou o país, a delegación galega suspendeu a visita ao proxecto a prol dos dereitos da infancia impulsado pola Fundação Encontro, que este ano será financiado polo Concello de Nigrán. Os representantes municipais pasaron o día na Casa do Gaiato realizando distintas tarefas de voluntariado cos menores alí acollidos, desde dar clases de teatro ata labores apícolas.

O Fondo Galego apoiará a municipios mozambicanos na xestión financeiraNas xornadas previas, o equipo do Fondo Galego percorreu distintos municipios para supervisar as iniciativas apoiadas nos últimos anos, como as catro vivendas resilientes ao cambio climático construídas canda a Xunta de Galicia en Boane, cuxa propiedade foi cedida ás mulleres que encabezaban algunhas das familias máis afectadas polos ciclóns. Máis ao norte, en Nhamayabue, a comitiva constatou o funcionamento dun dos pozos construídos para abastecer á poboación e evitar os ataques dos crocodilos ao achegarse ao río para coller auga. Ademais de estudar novas accións neste ámbito e no da agricultura, mantiveron un encontro con atletas e adestradores no que se comprometeu o apoio ao proxecto ‘Deporte e empoderamento’ que, entre outras cuestións, lle ofrecerá á xente nova alternativas de ocio saudable con enfoque de xénero.

O itinerario de traballo, acompañado en todo momento por persoal do Fondo Galego e da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), incluíu tamén a visita ao centro de acollida de menores ‘Esperanza’, nos arredores de Maputo, e mais unha última xuntanza na Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID). Desde o ano 2001, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apoiado en Mozambique un total de 24 proxectos, que supuxeron un investimento de máis de 535.000 euros. A misión a terreo permitiu estreitar a colaboración coas entidades do país, avalando a súa continuidade.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información