O Fondo Galego apoia a expansión da auga e a luz no municipio mozambicano de Nhamatanda

O Fondo Galego apoia a expansión da auga e a luz no municipio mozambicano de Nhamatanda

O Fondo Galego apoia a expansión da auga e a luz no municipio mozambicano de Nhamatanda 1280 960 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O municipio mozambicano de Nhamatanda logrou estender a cobertura dos servizos de auga e iluminación pública a través da colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidaredade. A asociación de concellos e deputacións destinou 35.000 euros a reparar e ampliar estas redes públicas, nunha zona que aínda está en proceso de reconstrución tras resultar gravemente afectada polo paso do ciclón Idai en 2019. A intervención contou asemade co respaldo da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), así como das axencias estatais de auga e enerxía.

O devastador furacán, que deixou máis de 600 persoas falecidas no país africano, acabou tamén con boa parte das xa febles infraestruturas municipais. A través deste proxecto de cooperación internacional, construíuse un sistema de subministro de auga consistente nun depósito de 1.000 litros, con bomba integrada a base de paneis solares e unha fonte con catro billas na que a poboación pode abastecerse. O servizo, que se xestionará de xeito comunitario, non só beneficiará ao barrio onde foi situado, senón tamén aos dous adxacentes. En especial, ás mulleres e nenas, que adoitan percorrer longas distancias cargadas cos baldes para conseguir auga potable, tan necesaria no combate contra o coronavirus e outras enfermidades presentes na zona.

Nhamatanda conta cunha poboación de 63.000 habitantes distribuída en doce barrios. A actuación impulsada polo Fondo Galego permitiu restaurar e espallar a rede eléctrica a sete deles, de xeito que se agarda reactivar sectores como o económico ou o educativo, pois nas escolas poderá haber quendas nocturnas e favorecerase o desenvolvemento dos negocios locais. Ademais, os farois instalados nas rúas mellorarán a seguridade da cidadanía, nomeadamente das mulleres.

Con este proxecto, as deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribúen a erradicar a pobreza e as desigualdades no Sur Global e ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que marca a Axenda 2030. En especial, do ODS 6, que avoga por “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas” e do ODS 7, que aposta por “garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para toda a poboación”.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información