A educación é a base para mellorar a vida das persoas e para acadar sociedades sustentables. Nestes intres, en que acabamos de iniciar un novo curso escolar, acontece que máis de 265 millóns de menores de todo o mundo están sen escolarizar, dos que a maioría son rapazas, un dato sobre o que desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade queremos chamar a atención no Día Internacional das Nenas, que se conmemora hoxe. Aínda que se teñen producido avances e os índices de escolarización xa son practicamente paritarios en Primaria, poucos países teñen acadado a equidade nos restantes niveis educativos, segundo datos de Nacións Unidas.
Esta desvantaxe tradúcese nunha falta de formación, e polo tanto, de oportunidades no acceso ao mercado de traballo. Das 600 millóns de adolescentes que se incorporarán ao mundo laboral no próximo decenio, máis do 90% viven en países en vías de desenvolvemento e traballarán nun sector non formal da economía, onde o traballo non remunerado, o abuso e a explotación son máis que frecuentes. De aí que a Unesco estea a traballar coa comunidade internacional para que as nenas reciban doce anos de educación básica gratuíta, que inclúa cuestións relativas á igualdade de xénero, a saúde e a sexualidade, co fin de erradicar estereotipos que supoñen barreiras para a formación, a integración e a liberdade das rapazas. Porén, tamén nos países do Norte temos moito que facer para acabar coa infrarrepresentación das mulleres en determinadas carreiras de carácter científico e tecnolóxico, por exemplo.
Os Estados membros da ONU recolleron precisamente entre os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos en 2015 a necesidade de “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas”. Baixo este epígrafe, o ODS número 4 promulga que a educación de calidade debe ser universal, e que o acceso ha de ser igualitario tamén para as persoas con discapacidade, os pobos indíxenas e quen se atope nunha situación vulnerable. Do mesmo xeito, cómpre construír instalacións axeitadas, incrementar as bolsas e mellorar a formación do profesorado, pois a escaseza de docentes capacitados e as malas condicións dos centros educativos en moitas zonas do mundo acentúan esta problemática.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ames forma parte activa, vén contribuíndo a paliar esta situación a través de proxectos de cooperación internacional, coma o que os que permitiron edificar varias escolas en municipios de Cabo Verde, ofrecer formación para mocidade do rural canda a ONGD Inprhu en Nicaragua ou mellorar as condicións educativas e sanitarias dun centro de ensino en Mozambique con Ecos do Sur. Ademais, na actualidade estase a levar a cabo no país lusófono un exitoso programa xunto coa Fundação Encontro para previr doenzas, adiccións e embarazos non desexados na mocidade a través do deporte, entre outras accións.
O matrimonio e o embarazo precoces, a violencia machista, os roles, os estereotipos de xénero, a pertenza a unha minoría, o illamento xeográfico e a escaseza de recursos áchanse entre os obstáculos que impiden ás rapazas exercer o seu dereito a estudar, obter un título e aproveitar os beneficios da educación, que permite reducir as desigualdades e facilita saír do ciclo da pobreza. Nas nosas mans está tamén promover unha educación para o desenvolvemento sostible, que avogue polo respecto aos Dereitos Humanos e a posta en valor da diversidade cultural, así como ofrecer contornas de aprendizaxe pacíficas e inclusivas. Cuestións todas elas que podemos apoiar no noso municipio, pero tamén nos países máis desfavorecidos participando en redes coma o Fondo Galego e nos seus proxectos.
Luísa Feijóo
Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames.
*Artigo de opinión publicado en Praza Pública con motivo do Día Internacional das Nenas