O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de abrir o prazo de inscrición nos cursos ‘Saber doar. A axuda humanitaria desde os concellos’, que se desenvolverán a última semana de outubro no Concello de Santiago e nas deputacións de Lugo, Pontevedra e Ourense, en horario de 10 a 14 horas. A formación está dirixida ao persoal político e técnico da administración local, pero tamén ás asociacións que teñen vontade de colaborar nestes casos.
No contexto actual sucédense desastres e conflitos ante os que se activa a solidariedade da cidadanía e das súas institucións máis próximas, pero cómpre aprender a canalizala de forma eficaz e transparente. Tras o caos xerado en moitas ocasións coas recollidas para as persoas afectadas pola guerra en Ucraína ou pola DANA de Valencia, detectouse a necesidade de dar a coñecer como se planifica, xestiona e coordina a axuda de emerxencia, co fin de que atenda ás necesidades reais e chegue á poboación que máis a necesita no menor tempo posible. En caso contrario, a reacción pode chegar a agravar a crise, no canto de paliala.
O programa do curso ‘Saber doar. A axuda humanitaria desde os concellos’ contempla todas estas cuestións e aproxímase ademais aos principios humanitarios, as tipoloxías da axuda ou o marco normativo, alén de analizar o papel das administracións locais neste contexto, con exemplos de experiencias viables. Deste xeito, concellos e asociacións adquirirán pautas para organizar unha resposta eficiente, coordinando esforzos para evitar duplicidades, desbotando ideas preconcibidas e evitando xerar falsas expectativas.
O obxectivo, por tanto, é fortalecer as capacidades institucionais para exercer unha acción solidaria informada e ética, respectuosa coa dignidade e os dereitos das persoas damnificadas, que permita salvar vidas e reducir danos. Nas sesións aplicarase unha metodoloxía teórico-práctica, que fomente a participación activa do alumnado. Ao remate, distribuirase a guía ‘10 cousas que o meu concello pode facer en situacións de emerxencias’.
O curso será impartido por especialistas do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH) e as persoas interesadas teñen ata o 23 de outubro para cubrir a ficha de inscrición. Ofértanse 25 prazas en cada unha das sesións programadas:
- 27/10 Deputación de Lugo. Salón de plenos.
- 28/10 Deputación de Pontevedra. Salón de actos do Edificio Administrativo.
- 29/10 Concello de Santiago de Compostela. Edificio CERSIA.
- 30/10 Deputación de Ourense. Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Programa do curso
Formulario de inscrición
Informe ‘Canalizar a solidariedade: guía práctica para orientar as doazóns privadas na acción humanitaria’