O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convoca para mañá mércores en Santiago de Compostela a xuntanza anual do Consello Municipalista da Cooperación (CMC), na que están chamadas a participar ONGD, sindicatos e demais axentes do sector. A cita terá lugar ás 19 horas na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no barrio das Fontiñas.
O encontro arrincará co co informe de situación sobre as Liñas Estratéxicas 2011-2015 do Fondo Galego. A continuación, presentaranse as bases da convocatoria de axudas para proxectos de cooperación internacional correspondente ao exercicio 2014, previamente consultadas a través da Coordinadora Galega de ONGD, aínda que durante a propia xuntanza se atenderá calquera dúbida.
A orde do día inclúe asemade a análise de sinerxías entre o Fondo Galego de Cooperación e o tecido solidario para a sensibilización social. Deste xeito, verase a posibilidade de canalizar actividades a través da Rede Municipalista Solidaria, integrada polo persoal técnico delegado da asociación municipalista en cada administración socia, nomeadamente coincidindo co Día internacional para a erradicación da pobreza, que se conmemora o 17 de outubro.
O Consello Municipalista da Cooperación serve de ponte e asesoramento entre o Fondo Galego e o tecido solidario en Galicia. A participación neste órgano axuda a construír unha mirada común sobre o sistema galego de cooperación e a xerar sinerxías entre os seus distintos actores. As entidades interesadas en participar do encontro deben confirmar asistencia contactando coa Secretaría Técnica (Igadi) no enderezo electrónico dpalau@igadi.org ou nos teléfonos 986 357 238 e 698 144 536.