O concurso ‘Muros que unen’ premiará tres murais sobre desenvolvemento sostible

O concurso ‘Muros que unen’ premiará tres murais sobre desenvolvemento sostible

O concurso ‘Muros que unen’ premiará tres murais sobre desenvolvemento sostible 1755 2482 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanza o III Concurso de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ‘Muros que unen’, co financiamento do Concello da Coruña. O certame encádrase no convenio acordado entre as partes para destinar 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades. A loita contra a fame, o acceso á auga e mais a enerxía sustentable serán os temas centrais das obras, que calquera persoa ou colectivo pode presentar ata o 2 de novembro.

Con ‘Muros que unen’ búscase dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no marco da Axenda 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a terceira edición de ‘Muros que unen’ centrarase en tres deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que os municipios deben contribuír a acadar.

Trátase do ODS 2: Pórlle fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sustentable; o ODS 6: Garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación, e o ODS 7: Garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para toda a poboación. Con anterioridade xa se representaran nas rúas da cidade os ODS 1, 3, 4, 5 e 11.

Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos tres ODS, que serán reflectidos na fachada principal do Polideportivo Municipal de Labañou, para o que a organización facilitará todos os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas, seguindo o procedemento establecido nas bases. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. As dúbidas poden consultarse no teléfono 698 144 536 ou no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información