O Concello de Vigo e o Fondo asinan un convenio para proxectos en Cabo Verde e Mozambique

O Concello de Vigo e o Fondo asinan un convenio para proxectos en Cabo Verde e Mozambique

O Concello de Vigo e o Fondo asinan un convenio para proxectos en Cabo Verde e Mozambique 650 488 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O tenente de alcalde do Concello de Vigo, Santiago Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, asinaron dous convenios de colaboración co presidente doFondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa, para desenvolver senllos proxectos en Mozambique e Cabo Verde cun importe total de 70.000 euros. Segundo Domínguez, este convenio amosa que o Concello de Vigo “segue fiel ao seu compromiso solidario para desenvolver programas coas persoas máis necesitadas e menos favorecidas”.

O tenente de alcalde manifestou o seu desacordo con quen en época de crise pensa que non son prioritarias as achegas aos países do Sur. “Quen así fala ten conciencia enganosa porque, se estes pobos están nesa situación empobrecida, é moitas veces por culpa dos países ricos”, dixo. Apuntou asemade que as partidas de colaboración co Fondo Galego de Cooperación se duplicaron nos últimos tres anos, ata acadar os 115.000 euros. Destacou, por último, que a administración local viguesa “foi pioneira” na canalización das axudas aos países empobrecidos a través do Fondo Galego de Cooperación, para “chegar a máis sitios”.

Pola súa banda, Alfredo Novoa lembrou tamén que Vigo é a cidade que máis aporta a proxectos de cooperación internacional e que cumpriu dende o principio o seu compromiso de canalizar as axudas á cooperación a través da asociación de Concellos e Deputacións. O presidente do Fondo Galego explicou que en Mozambique se levará a cabo unha “nova intervención plurianual de desenvolvemento económico local que se executará en Maputo coas Nacións Unidas”, na que cada entidade colaboradora contribúe cuns 15.000 euros. Respecto do proxecto que se executará en Cabo Verde, sinalou que o Concello de Vigo achega 55.000 euros que, segundo avanzou a concelleira de Benestar Social, se destinarán a rehabilitar 22 vivendas, con traballos que consisten na instalación de baños e cociñas e o arranxo de fachadas. “Con este proxecto elevaremos o nivel de vida de 155 persoas no municipio de Paúl”, subliñou María Méndez.

Alfredo Novoa amosouse en desacordo coa redución da achega da Xunta de Galicia á cooperación internacional,  “que non acada agora nin o 0,1%, moi lonxe do mítico 0,7%”. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social dixo sentir “mágoa” por que a administración autonómica reducira en máis dun 50% o investimento no Fondo Galego de Cooperación. Apuntou que co anterior goberno estaba cifrado en case un millón de euros mentres que o actual se sitúa entre os 200.000 e os 300.000 euros, o cal considerou que “é pouco tendo en conta as necesidades que hai”.

María Méndez expresou o compromiso de que o Concello de Vigo non reducirá “nin un euro” a achega á cooperación internacional. Precisou que neste contexto de crise “non o podemos aumentar, pero as partidas están blindadas para evitar que se reduzan”. Segundo a concelleira, pese a que Galicia segue sendo a última comunidade en cooperación, “Vigo non quere estar á cola”. “Énchesenos a boca falando de benestar pero isto non é posible aquí se non melloramos a calidade de vida nos países empobrecidos”, remarcou a responsable de Benestar Social.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información