O Concello de Riveira sensibiliza sobre a solidariedade internacional cunha exposición, contacontos e películas do Fondo Galego

O Concello de Riveira sensibiliza sobre a solidariedade internacional cunha exposición, contacontos e películas do Fondo Galego

O Concello de Riveira sensibiliza sobre a solidariedade internacional cunha exposición, contacontos e películas do Fondo Galego 800 600 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

– A Tropa de Trapo ofrece este mércores o espectáculo 'Contos coas mans abertas', con música en directo, para público adolescente e adulto

 

O Auditorio Municipal de Riveira acollerá nos próximos días diversas actividades promovidas polo Fondo Galego de Cooperación para educar na cultura de paz e concienciar sobre a solidariedade internacional. En calidade de membro da asociación municipalista, o Concello organiza unha exposición, un espectáculo de contacontos e a proxección de varias películas, o que constitúe sen dúbida un exemplo de boas prácticas no eido da sensibilización.

Ata o 20 de decembro pódese ver na sala de exposicións do Auditorio 'A Paz Cuestión de Fondo'. As viñetas elaboradas por 28 autores de 16 países diferentes convidan a reflexionar sobre a pobreza como unha forma de inxustiza social que xera exclusión, racismo e violencia. Do mesmo xeito, a falta de oportunidades impídelle á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre ricos e pobres. A mostra leva aparellada unha unidade didáctica para traballar co alumnado os conceptos necesarios para comprender a paz nun sentido amplo, os factores que a ameazan e mais os instrumentos e actitudes que contribúen a promovela.

O valor da exposición potenciarase grazas á iniciativa do Concello de proxectar de xeito continuado as películas 'No mundo, a cada rato' e 'Invisibles'. Cada unha delas componse de varias curtas, co que supoñen un complemento ideal para a visita á mostra. A primeira comprende cinco pezas que abordan as cinco prioridades de Unicef: a educación das nenas, o desenvolvemento integrado na primeira infancia, a inmunización, a loita contra a sida e mas a protección contra a violencia, a explotación, e a discriminación. ‘Invisibles’ é unha produción de Javier Bardem para Médicos Sen Fronteiras, con cinco directores que se implicaron noutras tantas historias: a violación sistemática de mulleres no Congo, os desprazamentos masivos en Uganda ou Colombia, o mal de Chagas en Bolivia e o esquecemento dos laboratorios farmacéuticos coa enfermidade do sono en África.

'Contos coas mans abertas'

Mañá mércores chega ademais a Riveira a xira 'Contos coas mans abertas', que recalará ás 11 horas no Auditorio Municipal. Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimá protagonizan as narracións da Tropa de Trapo. Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullan os espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, 'Contos coas mans abertas' é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar e entender o mundo.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información