O Concello de Narón e o Fondo Galego apoian a municipios mozambicanos na loita contra a Covid

O Concello de Narón e o Fondo Galego apoian a municipios mozambicanos na loita contra a Covid

O Concello de Narón e o Fondo Galego apoian a municipios mozambicanos na loita contra a Covid 1080 719 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello de Narón e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade veñen de concluír o proxecto de prevención fronte a Covid-19 que permitiu reforzar as capacidades de nove municipios mozambicanos na loita contra o coronavirus. O goberno local destinou 12.000 euros a esta iniciativa, orzamentada nun total de 18.126 euros e canalizada a través da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM).

Unhas 10.000 persoas das vilas de Maxixe, Maganja da Costa, Quelimane, Mocuba, Monapo, Angoche, Lichinga, Metangula e Cuamba tiveron acceso a materiais de protección e hixiene que contribuíron a frear o avance da pandemia. Deste xeito, levouse a cabo adquisición e transporte de 10.000 máscaras, 900 barras de xabón e 45 baldes con billas, á vez que se informou á veciñanza das medidas preventivas que debían poñer en práctica.

Os nove municipios foron seleccionados por concentraren unha intensa actividade de circulación de mercadorías e de poboación, resultando susceptibles de rexistrar un maior número de contaxios. Neste senso, optouse por priorizar as comunidades desfavorecidas e os lugares máis expostos, como os mercados, as morgues, o transporte público ou os centros educativos. Todos os produtos distribuídos seguiron as recomendacións emitidas polo Ministerio de Sanidade do Goberno de Mozambique e mais criterios de sustentabilidade.

Desde a ANAMM salientan o elevado nivel de apropiación do proxecto por parte da poboación local, pois mesmo se crearon comités de control para advertir as persoas que circulaban sen máscara. Cómpre destacar tamén neste eido o papel da Policía Municipal, en coordinación cos citados grupos e mais cos líderes comunitarios.

Con este proxecto, o Fondo Galego e o Concello de Narón avanzan no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente no ODS 3, que busca garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas. Ao tempo, poñen de manifesto a importante contribución das administracións locais á superación desta crise global, mesmo a través da cooperación internacional, tal e como quedou patente na campaña #OsMunicipiosCooperan.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información