O Concello de Cambre e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade veñen de pechar o proxecto a prol dos dereitos da infancia implementado pola Fundação Encontro no sur de Mozambique, concretamente nos distritos rurais de Boane e Namaacha. O goberno local destinou 15.000 euros a esta intervención, que se prolongou durante doce meses, mentres que o Fondo Galego achegou outros 15.000 euros procedentes das cotas anuais abonadas polos cen municipios e as tres deputacións socias da entidade.
O obxectivo da iniciativa era reducir a vulnerabilidade das nenas e nenos menores de seis anos das comunidades de Massaca, Mahanhane, Mahelane e Changalane, garantindo o seu acceso á saúde e á educación. Para isto leváronse a cabo múltiples actuacións, como a ampliación da Unidade Sanitaria existente, de xeito que se puido separar a consulta de doenzas crónicas das materno-infantís e, por tanto, mellorar a atención ás nais e á rapazada.
Ao tempo, en cada un dos catro centros de preescolar ofreceuse apoio nutricional a centos de nenos facilitándolles unha comida diaria. No entanto, o peche das aulas por mor da Covid-19 levou á Fundação Encontro a reorganizar tanto este sistema como o formativo, sendo as propias educadoras quen se trasladaban aos domicilios para facilitar as fichas, os kits de alimentación, xoguetes e mesmo efectuar os controis de peso, alén de realizar un intenso labor de sensibilización e distribuír máscaras para evitar os contaxios de coronavirus.
A través deste dispositivo detectouse unha baixada de peso en moitas e moitos preescolares, polo que en canto foi posible se retomaron os xantares nas escolas, tendo en conta todas as medidas de prevención no contexto de pandemia, e posteriormente tamén as clases presenciais, grazas ao apoio de 63 persoas voluntarias que se prestaron para acompañar á rapazada desde e ata as súas casas, co fin de garantir a seguridade durante o traxecto.
En total, 401 nenas e nenos participaron destas accións na primeira fase do proxecto e 364 na segunda. A implicación da veciñanza e líderes locais foi clave para o éxito do intervención, que beneficiou de maneira directa a 1.813 persoas e a máis de 9.000 de xeito indirecto, mesmo despois de que as súas casas, infraestruturas e colleitas resultaran gravemente afectadas polas inundacións do pasado inverno, nunha zona de subsistencia agrícola.