O Concello da Laracha vén de sumarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a rede que concentra os esforzos das entidades locais galegas en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento. A Laracha convértese así no socio número 100 do Fondo Galego, que pasa a estar conformado por 96 Concellos e as catro Deputacións.
O pleno da Corporación adoptou por unanimidade o acordo de adhesión o pasado 18 de abril. O Concello da Laracha comprométese así a realizar unha achega anual para colaborar nas iniciativas impulsadas dende o Fondo Galego de Cooperación. Deste xeito, o municipio poderá participar nas actividades que se promoven para fomentar a solidariedade (exposicións, teatro, contacontos, palestras, unidades didácticas…) e ao tempo participará no cofinanciamento de diversos proxectos en países do Sur. Neste 2011, apoiaranse novos proxectos de cooperación en Cabo Verde, Nicaragua e Haití.
José Manuel López Varela: “As administracións debemos dar exemplo”
O Alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, considera que coa adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o municipio que dirixe está dando “o exemplo que as administracións debemos dar, posibilitando ademais que os nosos veciños se vexan tamén representados coa nosa aportación, porque a bo seguro que na Laracha hai moita xente que estaría interesada en colaborar, pero non pode facelo por carecer de recursos económicos nunha época de crise como a actual”.
Para López Varela o labor do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é “digno de admiración”, dado que a súa función consiste en “reforzar aspectos como a educación, a sanidade, a alimentación, a prestación dos servizos básicos ou saneamento da auga nas zonas máis desfavorecidas, mellorando as condicións de vida de moitas persoas e incluso salvando vidas”. Por iso anima “a que todos os concellos que teñan a posibilidade de facelo se unan ao Fondo, porque aínda que sexa con aportacións pequenas, entre todos podemos alcanzar grandes obxectivos”.