O colectivo Sarsur ofrece unha ollada ao Sáhara nun novo encontro dixital

O colectivo Sarsur ofrece unha ollada ao Sáhara nun novo encontro dixital

O colectivo Sarsur ofrece unha ollada ao Sáhara nun novo encontro dixital 1199 926 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O colectivo coruñés Sarsur ofrecerá un encontro dixital no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o próximo venres 28 de febreiro baixo o título 'Unha ollada ao Sáhara', co propósito de dar a coñecer as súas accións con mulleres de campamentos saharauís, así como outras iniciativas de sensibilización organizadas na cidade herculina en torno ao Sáhara.

A entrevista online será en directo e realizarase a través dos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da organización, de 12 a 14 horas. Durante a súa intervención, representantes do colectivo contestarán as dúbidas que lles formulen os usuarios, ben a través do perfil de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía de membros de Sarsur que se publicará xusto ao comezo do encontro, ou ben na conta de Twitter da entidade, co hahstag #EncontroSarsur.

As persoas que non poidan  participar en directo no encontro poderán deixar as súas cuestións con carácter previo nos post relacionados co encontro publicados no Facebook, empregando o hahstag #EncontroSarsur no Twitter ou enviando as súas preguntas ao correo fondogalego@gmail.com.

A escolla da cuestión do Sáhara, a autodeterminación e os dereitos do pobo saharauí, así como o papel da muller árabe como 'sustento' da resistencia nos campamentos de persoas refuxiadas do Sáhara Occidental, para esta entrevista online, vén complementar o tema da anticooperación abordado no encontro realizado o pasado 31 de xaneiro con David Llistar, autor do libro homónimo e cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización. Ambas as dúas citas englóbanse no marco #Alén2015, unha serie de encontros dixitais con carácter mensual que promove a entidade como reflexión en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que conclúen o vindeiro ano.

Así mesmo, o conflito do Sáhara adquire especial relevancia nun momento no que se vén de aprobar a reforma da xustiza universal, que suporá o peche de múltiples causas abertas na Audiencia Nacional, entre elas o xenocidio que sufriu este pobo, coa denuncia de 542 desaparicións de saharauís desde que España se retirou do territorio en 1975.

Persoas con variados perfís profesionais integran o colectivo Sarsur.O colectivo Sarsur
Fundado en 2011 na cidade da Coruña, Sarsur ("cascuda" en árabe) é un colectivo multidisciplinar integrado por un grupo de persoas con distintos perfís profesionais, procedentes das artes escénicas, a educación, o traballo social, a cooperación internacional, a universidade, o xornalismo e a fotografía. 

Naceu a través dun proxecto financiado mediante o Fondo 0,7% da Universidade da Coruña (UDC) para apoiar a investigación no eido da cooperación para o desenvolvemento. A iniciativa levouse a cabo en campamentos de refuxiados saharauís, nos que se impartiron distintos obradoiros de expresión artística, a través do teatro de sombras e do movemento, dirixidos fundamentalmente a mulleres adolescentes e adultas.

Con carácter paralelo, o colectivo realiza -de forma autoxestionada e independente- na cidade da Coruña unhas xornadas anuais denominadas 'Olladas ao Sáhara Occidental', co fin de achegar a realidade saharauí á cidadanía galega. Nelas interveñen voces procedentes de diversos ámbitos, como a escritura (Liman Boicha), o proxecto Bubisher (Gonzalo Moure), xornalistas (Rebeca Mateos), mocidade activistas saharauí e marroquí a prol dos dereitos humanos (Aichatu Yahadih e Omnia Nur), ou amósanse os traballos de diversas organizacións, profesionais da fotografía (Fabiana Corrêa e Circoa) ou colectivos de activistas (Left Hand Rotation).

Na actualidade, forman parte de Sarsur Ánxela Blanco, Claudia Delso, Carlos Diz, Fabiana Corrêa, Vanesa Rivas e Rebeca Mateos. Non dispoñen de web nin perfís sociais porque prefiren “primar a súas actividades e iniciativas por riba da promoción do propio colectivo”.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información