O coidado ambiental no local repercute no global

O coidado ambiental no local repercute no global

O coidado ambiental no local repercute no global 498 296 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Donald Trump anunciaba hai uns días que Estados Unidos, o segundo país máis contaminante do mundo despois de China, abandonaba o Acordo de París. É dicir, dáballe as as costas á loita contra o cambio climático e aos preto de 200 estados que se comprometeron a intentar salvar o planeta reducindo as súas emisións. Na semana en que se celebra o Día Mundial do Medio Ambiente, fixado o 5 de xuño en lembranza da primeira gran conferencia da ONU sobre cuestións ambientais celebrada en Estocolmo en 1972, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais as deputacións e concellos que del fan parte queren insistir na necesidade de comprometerse coa defensa da contorna.

"Conectar as persoas coa natureza" é o tema elixido este ano por Nacións Unidas para a conmemoración, animándonos a saír ao aire libre e a mergullarnos nos espazos naturais para apreciar tanto a súa beleza como os múltiples beneficios que nos reportan. En Galicia en xeral, e na provincia de Ourense en particular, somos conscientes da importancia desta conexión, especialmente no eido rural, onde tamén somos os primeiros en sufrir as ameazas que os ecosistemas afrontan. No entanto, malia padecermos o impacto local da mala praxe ambiental a nivel mundial, cómpre decatármonos de que tamén acontece á inversa: as boas prácticas que levamos a cabo aquí repercutirán positivamente no global.

Reutilizar os produtos e reducir o noso consumo, reciclar dende o papel ata os equipos electrónicos, utilizar o transporte público, apagar as luces cando non as precisemos ou pechar a billa ao lavar os dentes son só pequenos consellos que, porén, contribúen ao coidado do medio ambiente. Unha responsabilidade individual de cada cidadá e cidadán, pero tamén das nosas institucións, empresas, etc. e pola que as administracións locais que integramos o Fondo Galego xa levamos dúas décadas traballando, tanto con actividades para concienciar á veciñanza como con proxectos de cooperación internacional nos países do Sur.

Proxectos que melloran a vida das persoas, habitualmente de carácter municipalista, executados de xeito directo cos nosos parceiros en terreo ou ben a través de ONGD galegas. Dotación de saneamento, conservación de áreas naturais, promoción do turismo sustentable, pesca artesanal ou pequena agricultura son algunhas das áreas que se teñen apoiado en países como Bolivia, Ecuador, El Salvador, Nicaragua, Perú e, sobre todo, Cabo Verde. Aínda así, o enfoque ambiental, ao igual que a perspectiva de xénero, é unha liña transversal imprescindible en todas as actuacións nas que se involucra o Fondo Galego.

Unha constante que atravesa tamén os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos a finais de 2015 polos estados membros da ONU e que deben lograrse antes do ano 2030. En concreto, os ODS 13, 14 e 15 avogan, respectivamente, por combater o cambio climático, conservar os océanos e protexer os bosques. Tarefas ás que as entidades locais podemos contribuír por separado, pero polas que tamén podemos loitar xuntas en redes coma o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. De aí que convidemos a unirse a esta axencia municipal da cooperación galega tanto á Deputación de Ourense coma aos concellos que da provincia que desexen contribuír á construción dun mundo máis xusto e solidario.

Daniel Fernández Carril
Concelleiro en Cartelle e vogal do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

*Artigo de opinión publicado no xornal La Región con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información