O ciclo de conversas ‘Arredor do té’ sensibilizará sobre a situación do pobo saharauí

O ciclo de conversas ‘Arredor do té’ sensibilizará sobre a situación do pobo saharauí 2450 1865 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Oito administracións locais e provinciais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade sensibilizarán sobre a causa saharauí a través dos faladoiros ‘Arredor do té’, que se desenvolverán entre o 15 e o 20 de xuño, Día Mundial das Persoas Refuxiadas. A Deputación de Pontevedra -na súa sede de Vigo- e mais os concellos de Lugo, Muros, Corcubión, Pontedeume, Mugardos, Burela e Santiago de Compostela acollerán as charlas, impartidas por activistas saharauís, cando vén de celebrarse ademais o 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

No deserto do Sáhara, o té é un ritual. Segundo a tradición, hai que tomar tres vasos consecutivos: o primeiro é amargo como a vida, o segundo doce como o amor e o terceiro suave como a morte. Ofrecer esta bebida é un xesto de xenerosidade e aceptalo é un sinal de cortesía. A persoa que ten a honra de preparar o té adoita ser boa conversadora e, neste caso, achegará un testemuño directo sobre a situación do pobo saharauí e as difíciles condicións de vida nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf (Alxeria).

Combater a desinformación, visibilizar a historia do Sáhara Occidental como provincia española e denunciar a ocupación marroquí e mais as violacións de dereitos humanos son algúns dos obxectivos desta actividade, organizada en colaboración coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps). Ao mesmo tempo, búscase dar a coñecer o papel das mulleres na resistencia e poñer en valor a interculturalidade, así como divulgar os programas de apoio existentes.

Con anterioridade, o Fondo Galego xa emitira unha declaración institucional fronte a proposta de converter o Sáhara Occidental nunha rexión autónoma de Marrocos, lembrando a responsabilidade do Estado Español na situación do pobo saharauí. A día de hoxe, máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas nos campamentos, onde a asociación municipalista veu desenvolvendo distintas accións de axuda humanitaria mentres reclama á comunidade internacional unha solución xusta e duradeira para o conflito.

Día das Persoas Refuxiadas

Nacións Unidas conmemora o vindeiro 20 de xuño o Día Mundial das Persoas Refuxiadas baixo o lema ‘Ata que todo o mundo estea a salvo’, en referencia ao compromiso da comunidade internacional para que as persoas que se ven obrigadas a fuxir poidan vivir con seguridade e dignidade. Na actualidade, máis de 117 millóns de persoas se atopan desprazadas pola forza en todo o mundo por causa da guerra, a persecución ou a violación dos seus dereitos, e o 70% son acollidas en países de renda media ou baixa.

CICLO ‘ARREDOR DO TÉ’

Luns 15/06
Vigo – 19:00h. Sede da Deputación de Pontevedra.

Martes 16/06
Lugo – 17:00h. Centro de Convivencia de Fingoi.

Mércores 17/06
Muros – 17:30h. Centro Social de Surribos.
Corcubión – 20:00h. Capela do Pilar.

Xoves 18/06
Pontedeume – 19:00h. Casa da Cultura.

Venres 19/06
Mugardos – 11:35h. IES.
Burela – 19:00h. Casa da Xuventude.

Sábado 20/06
Santiago de Compostela – Pola mañá. Casa das Máquinas.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información