O cambio climático, un reto a todos os niveis

O cambio climático, un reto a todos os niveis

O cambio climático, un reto a todos os niveis 1199 829 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Desde hai case dúas décadas, cada 22 de setembro conmemórase o Día Europeo sen Coches, unha data para concienciar sobre o uso responsable do tráfico motorizado e promover alternativas ecolóxicas como o transporte público, a bicicleta ou os vehículos eléctricos. A polución xerada polo tránsito rodado é precisamente un dos principais focos de contaminación do aire, nomeadamente nas cidades, debido á emisión de gases de efecto invernadoiro que, ao tempo, están contribuíndo a aumentar a temperatura do planeta. Unhas consecuencias nefastas que tanto as administracións a distintos niveis como a cidadanía de xeito individual e colectivo poden contribuír a frear.

Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos é un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. Trátase, en concreto, do ODS número 13, aínda que en practicamente todos está presente a defensa do medio ambiente e, en moitos deles, de xeito directo. Por exemplo, naqueles que chaman a garantir o acceso á auga e a enerxías limpas, a promover un crecemento económico sustentable, ou a conservar os océanos e os ecosistemas terrestres.

A raíz do aumento da temperatura e do nivel do mar, o cambio climático xera fenómenos extremos, como inundacións, furacáns, secas e incendios cada vez máis virulentos. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede da que fai parte o Concello de Oleiros canda outras 99 administracións locais e provinciais, ten dispoñibilizado axuda de emerxencia para facer fronte a estes desastres, o máis recente o xerado polo devastador ciclón Idai en Mozambique. Ademais, desde a súa creación en 1997 o Fondo Galego apoiou diversos proxectos ambientais en países do Sur, desde a conservación de espazos naturais ata a xestión da auga e o saneamento.

Polo que respecta á contaminación atmosférica, que tampouco sabe de fronteiras, alén dos efectos nocivos para o medio cómpre ter en conta que tamén prexudica gravemente a saúde das persoas, producindo desde molestias leves como a irritación dos ollos ou do nariz ata enfermidades respiratorias ou cardiovasculares de diversa consideración que reducen a esperanza de vida. Segundo a Organización Mundial da Saúdecada ano morren en todo o mundo 1,3 millóns de persoas a causa da polución urbana.

É o momento de que todos os gobernos do planeta pasen das palabras á acción para, coordinadamente, tomar as medidas en materia enerxética, tanto no que atinxe á elección do recursos como á utilización destes nas áreas estratéxicas de transporte e produción industrial. E teñen de facelo sen excepcións, como dimana dos cumios para a defensa medioambiental, e sen subterfuxios, eliminando terminantemente ese recurso dos Estados que se din máis avanzados e conservacionistas que consiste en mercar cotas de contaminación a economías de países en vías de desenvolvemento. Estamos moi preto do punto sen retorno. Perigosamente preto de cernar o futuro das novas xeracións e como tal non podemos permitir que os intereses das multinacionais do petróleo condicionen a axenda das superpotencias.

É o momento no que os gobernos deben dar resposta ao empoderamento da sociedade civil, que di “basta xa!” á queima masiva de combustibles fósiles, ás extraccións de cru en áreas cuxo deterioro acelera o cambio climático. Que di “basta xa!” ao incendio sumario de grandes masas forestais, verdadeiros pulmóns estratéxicos para a supervivencia da vida no planeta, para privilexiar os intereses de multinacionais na produción de soia. É no seo das institucións internacionais onde esas grandes potencias deben dar resposta á realidade de que o planeta, a súa atmosfera, as reservas de auga doce… son bens que nunca poderán ter a categoría de privativos, son imprescindibles para a supervivencia e son todos!!!

A cidadanía, desde a nosa dimensión, a través dos nosos xestos cotiáns, temos moito que facer para, desde xa, marcar un punto de inflexión na defensa do noso fogar compartido que é a Terra: non só no noso xeito de desprazarnos, senón tamén dentro da casa e da oficina. Mercar electrodomésticos eficientes, apagar e desenchufar os aparellos electrónicos, empregar luces de baixo consumo, aforrar auga coa ducha e coa lavadora ou colocar o termóstato na temperatura xusta son algunhas delas. As melloras tecnolóxicas introducidas nos últimos tempos poden contribuír a mitigar o cambio climático, acelerado pola acción humana, pero todo vai depender de como as poñamos en práctica.

Marga Figueroa
2ª tenente de alcalde e concelleira de Cooperación internacional, Recursos humanos e Participación cidadá de Oleiros.

*Artigo de opinión publicado en Praza Pública con motivo do Día Europeo sen Coches

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información