O BNG e o Fondo Galego celebran o Encontro ‘Institucións locais e solidariedade internacional’

O BNG e o Fondo Galego celebran o Encontro ‘Institucións locais e solidariedade internacional’

O BNG e o Fondo Galego celebran o Encontro ‘Institucións locais e solidariedade internacional’ 1500 1035 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O BNG e o Fondo Galego de Cooperación organizan o xoves 28 de xuño o Encontro 'Institucións locais e solidariedade internacional'. Ademais de varios alcaldes e alcaldesas, participarán o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, ou o deputado no Parlamento de Galicia, Carlos Aymerich.  A xuntanza está especialmente dirixida ás e aos representantes nacionalistas nas Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego, co fin de consolidar o seu compromiso coa cooperación para o desenvolvemento. A cita será ás 12 horas na sede nacional do BNG, en Santiago de Compostela.

A tesoureira do Fondo e concelleira de Benestar en Allariz, Pilar Gallego, abrirá o acto canda a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A continuación, o secretario da entidade e investigador do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Daniel González Palau, exporá a experiencia dos 15 anos de andaina do Fondo Galego na cooperación internacional. Concluirase coas visións do compromiso do BNG neste eido, para o que intervirán o deputado Carlos Aymerich, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga (tamén membro da Executiva do Fondo) e mais o alcalde de Allariz, Francisco García.

Os Encontros 'Institucións locais e solidariedade: Cal vai ser o teu papel?' encádranse no Plan de Sensibilización do Fondo Galego, como unha fórmula de diálogo cos tres partidos políticos maioritarios en Galicia, piares do proceso de nacemento e consolidación da propia entidade. Tras o cambio de lexislatura municipal en 2011, preténdese reflexionar sobre o compromiso das institucións locais coa solidariedade e muscular a implicación dos partidos políticos co Fondo Galego de Cooperación, despois de quince anos de andaina.

PPdeG, PSdeG e BNG están representados na Comisión Executiva, órgano directivo da asociación, e son artífices do consenso que vén rexendo o seu funcionamento. Trátase agora, pese ao contexto de crise económica, de non dar pasos atrás. O obxectivo é renovar ese compromiso e fortalecer esta rede de institucións e persoas a prol da solidariedade internacional, da promoción dos Dereitos Humanos, do desenvolvemento dos países do Sur e da sensibilización da cidadanía galega.

AXENDA DA XORNADA

12.00h Presentación dos obxectivos do Encontro
– Sandra González, alcaldesa de Tomiño.
– Pilar Gallego, tesoureira do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e concelleira de Benestar do Concello de Allariz.

12.30h Experiencia dos 15 anos de andaina na cooperación internacional
– Daniel González Palau, Secretario do Fondo Galego e investigador do Igadi.

13.00h Visións do compromiso do BNG na cooperación internacional
– Carlos Aymerich, Parlamento Galego.
– Antonio Veiga, Deputación de Lugo.
– Francisco García, Concello de Allariz.

14.00h Conclusións

Folleto dos Encontros

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información