O artista nicaraguano Manuel Alaníz ofrece unha master class sobre muralismo e cambio social

O artista nicaraguano Manuel Alaníz ofrece unha master class sobre muralismo e cambio social

O artista nicaraguano Manuel Alaníz ofrece unha master class sobre muralismo e cambio social 1280 960 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O muralista nicaraguano Manuel Alaníz ofrecerá este mércores 2 de novembro unha master class aberta ao público na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, ubicada no campus de Pontevedra. Kiko da Silva, ilustrador e monitor dos obradoiros de debuxo urbano do proxecto europeo People & Planet, será o encargado de presentar ao conferenciante, ás 19:00 horas no denominado Espazo 16. A charla, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, contará con tradución simultánea ao inglés e as persoas asistentes recibirán un ecoagasallo.

Baixo o título ‘O poder transformador da pintura mural’, Alaníz exporá como traballan na Fundación de Apoyo al Arte Creador Infantil (FUNARTE), que emprega a arte para impulsar a participación social da xente nova, facéndoa partícipe do desenvolvemento comunitario. En liña coas tendencias do artivismo, a organización centroamericana promove a arte como motor de cambio, ao tempo que as nenas, nenos e adolescentes fortalecen a súa identidade cultural e transforman espazos, favorecendo o respecto e a igualdade. A través de murais públicos colectivos, avogan ademais polo cumprimento dos seus dereitos.

O primeiro contracto de Manuel Alaníz coa pintura libre tivo lugar hai máis de tres décadas, cando era un neno de só once anos, e a súa traxectoria céntrase no muralismo. Como educador artístico, ten experiencia asemade en Guatemala, Francia, Irlanda, Bélxica ou Palestina. Agora acaba de chegar de Holanda, onde traballou con alumnado de distintos centros educativos sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da man do Consello Nacional para Irmandamentos entre Cidades de Países Baixos e Nicaragua (LBSNN).

A súa charla encádrase na xuntanza do proxecto People & Planet, que busca implicar á xente nova na loita contra o cambio climático e reforzar aos gobernos locais na promoción de políticas públicas a prol do desenvolvemento sostible. Neste senso, representantes de organizacións e municipios de Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Galicia daranse cita en Pontevedra os días 3 e 4 de novembro, co fin de avaliar -por primeira vez de xeito presencial- a marcha do proxecto, compartir boas prácticas e favorecer a aprendizaxe mutua.

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de oito estados membros da UE e Cabo Verde.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido preto de 200 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información