Tres de cada catro mozas e mozos europeos consideran que o cambio climático afecta a súa vida diaria e a súa saúde, segundo se desprende da sondaxe realizada no marco da iniciativa People & Planet cuxos resultados se dan a coñecer coincidindo co Día Mundial da Conservación da Natureza. A porcentaxe elévase ata o 85% en España, onde a grande maioría das persoas enquisadas eran galegas, ao ser o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o único socio do proxecto en todo o Estado.
A nosa mocidade estima que os problemas ambientais con maior impacto na súa vida persoal son os incendios forestais (74%), a contaminación do aire (63%) e a seca (58%), mentres que o desxeo dos glaciares ou a subida do nivel do mar aprécianse como menos prexudiciais. Os lumes e a falta de auga son percibidos tamén como as cuestións medioambientais que máis afectan ao país en xeral, xunto coa perda de biodiversidade. O 93% da xente nova é consciente ademais de que a emerxencia climática ten a súa orixe na actividade humana. “Gustaríame atopar o xeito de unir á xente na procura do ben común, aínda que ás veces sexa difícil. Se é o correcto, hai que facelo”, sostiña unha das respostas recibidas.
No referente ás accións individuais para favorecer a sustentabilidade, en boa medida fan referencia ao aforro de auga, xa que o 83% das mozas e mozos pechan a billa mentres lavan os dentes e o 78% opta por ducharse no canto de tomar un baño. Ademais, o 61% sempre recicla e o 32% ás veces. No outro extremo atopamos que só o 8% participa habitualmente en campañas ambientais ou que un 11% merca produtos de comercio xusto. “Se só existe a opción de consumir produtos envoltos nun plástico que precisou litros de auga para ser producido, cómpre preguntarse a quen beneficia iso. A culpa non é só do cidadán de a pé que non recicla ese plástico”, consideraba outra das persoas enquisadas.
Con todo, no noso país son significativos os niveis de participación en accións públicas vinculadas ao tema do clima, especialmente a través de publicacións nas redes sociais (59%), votando nas eleccións (56%) e participando en folgas ou manifestacións (56%). Chama asemade a atención que case as tres cuartas partes das persoas enquisadas adoiten debater coa familia e amizades sobre o quecemento global, a escaseza de auga potable ou a auga como Dereito Humano. Discútese menos sobre o emprego deste recurso na agricultura e sobre a pegada da “auga invisible”, aquela que se consume na produción das nosas roupas, alimentos, dispositivos, etc.
O cuestionario preguntaba tamén sobre os temas que espertan máis consenso entre a xente nova á hora de unirse a campañas de incidencia política, nos que o cambio climático se sitúa á cabeza (74%), seguido pola discriminación de calquera tipo (72%), o acceso á educación (71%) e aos servizos de saúde e benestar (64%). Neste senso, apréciase unha ligazón entre o compromiso social e medioambiental. “As accións que realizo na casa non teñen o mesmo impacto que as que pode desenvolver un goberno, pero eu podo entender cales son as consecuencias das miñas decisións como consumidora, do que como, do que merco e como reducilo ou compensalo”, engadía unha das participantes.
O estudo revela, por outra banda, que o 60% das persoas que contestaron coñecen políticas ou iniciativas globais para mitigar o cambio climático, mentres que a porcentaxe cae ata o 43% no caso de políticas estatais. Tamén consideran que os organismos internacionais e as asociacións ecoloxistas son as mellor preparadas para afrontar esta tarefa. Do mesmo xeito, perciben que a educación (67%) e a mellor vía para implicar á mocidade nesta loita. En canto ao que poden facer os gobernos locais para impulsar as iniciativas da xente nova a prol da sustentabilidade, un 75% aposta polo apoio económico e un 59% reclama tamén instalacións para os seus encontros e actividades. “Cada concello podería organizar reunións mensuais coas asociacións xuvenís para debater sobre os principais problemas na zona e atopar solucións compartidas”, salientan algúns.
4000 respostas en 8 países
A enquisa ‘Mocidade europea e cambio climático: unha liña de base comunitaria’ desenvolveuse o ano pasado nos oito estados membros da Unión Europea que participan no proxecto People and Planet e na campaña Water of the Future: España, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía e Países Baixos. Preto de 4.000 cidadás e cidadáns, a grande maioría de entre 15 e 34 anos, expresaron a través dun formulario as súas inquedanzas arredor dos problemas ambientais e os novos hábitos sostibles. No Estado español reuníronse 730 respostas, case todas de Galicia e o 64% de mulleres, cunha destacada participación de estudantes menores de idade. A análise dos resultados permitirá orientar as accións do programa People and Planet, financiado polo programa DEAR da Comisión Europea, que apoia ás mozas e mozos para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable, en sintonía co ODS 13.
Resumo dos resultados da enquisa en España (Castelán)