Novenoel e Eva Seoane ilustrarán as rúas da Coruña tras gañar o certame ‘Muros que unen’

Novenoel e Eva Seoane ilustrarán as rúas da Coruña tras gañar o certame ‘Muros que unen’

Novenoel e Eva Seoane ilustrarán as rúas da Coruña tras gañar o certame ‘Muros que unen’ 994 554 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O rianxeiro Novenoel e a ferrolá Eva Seoane veñen de gañar o I Concurso de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 'Muros que unen', organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co financiamento do Concello da Coruña. Así o decidiron na xuntanza mantida esta semana na cidade os membros do xurado, integrado polos artistas Mon Devane, Brais Rodríguez e Jano Viñuela, canda unha representante do Fondo Galego e outro do Concello. Ao certame presentáronse 18 muralistas, dos que 11 eran mulleres, e un total de 21 obras.

A proposta 'Ningures' de Novenoel, resultou seleccionada para representar o ODS1: Pórlle fin a pobreza en todas as súas formas en todo o mundo, e reproducirase no viaduto da avenida de Oza sobre a rúa Posse, preto dun dos principais eixos de consumo da cidade. O xurado valorou tanto a execución técnica como a orixinal reinterpretación postapocalíptica do tema, que nos presenta un camiñante ollando cara a cidade industrializada dende o alto dun outeiro, mergullado nunha paisaxe entre desoladora e futurista. O autor chama a reflexionar sobe o hiperconsumismo, ao tempo que anima a compartir e a apostar pola transformación, nunha loita que debe ser común.

ODS5: 'O lavadoiro de Falperra', de Eva Seoane.Eva Seoane foi a escollida para representar o ODS5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas, pola obra 'O lavadoiro de Falperra', que se realizará no muro de contención das escaleiras que ascenden a este lugar desde a rolda de Nelle. Neste caso, o xurado tivo en conta que cun trazo simple e cores básicas, a mensaxe da dignificación do traballo feminino chega de xeito directo, ao representar un dos principais oficios que se exercían antano na zona: o das lavandeiras. A obra conecta así coa historia do barrio, co sentido de pertenza e reivindicación dun pasado, un presente e un futuro no que as mulleres contan. O bosquexo recupera mesmo algún elemento arquitectónico e paisaxístico xa extinguidos, poñendo en valor a memoria do lugar e o traballo de tantas mulleres anónimas que non adoita ser recoñecido.

A través destes dous murais, premiados con 2.000 euros cada un e que se executarán previsiblemente a finais de outubro, preténdese comezar a difundir a través da arte urbana os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a primeira edición de 'Muros que unen' encádrase no convenio asinado entre o Fondo Galego e o Concello da Coruña, que destina deste xeito 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información