O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, recibiu esta mañá na Casa do Concello ao seu homólogo da vila mozambicana de Nhamayábue, Mamani Vale, e mais a Odete Vale, membro da Asemblea Municipal. A benvida institucional contou tamén coa participación de Néstor Romero, técnico de Deportes do Concello de Lousame, que colabora co proxecto ‘Deporte e empoderamento en Nhamayábue’.
A visita permitiu reforzar a colaboración entre as partes, que se iniciou no ano 2017 coa construción de catro pozos para garantir un acceso seguro á auga potable, xa que a poboación local -principalmente mulleres e nenas- se expón aos ataques de animais salvaxes cando se achega á beira do río para abastecerse. No entanto, algunhas das infraestruturas financiadas polo Fondo Galego foron arrasadas polos ciclóns, tal e como puido comprobar a delegación desprazada o ano pasado a terreo, que tamén escoitou de primeira man o duro testemuño dunha nai que perdeu ao seu fillo a mans do crocodilo mentres collía auga.
O alcalde de Nhamayábue salientou que “a prioridade debe ser salvar vidas”, pois desde o mes de outubro 22 persoas morreron por estes ataques. Neste senso, o Concello de Nigrán comprometeuse a destinar 11.000 euros a través do Fondo Galego para financiar dous dos proxectos presentados polos representantes africanos. Dunha banda, o bombeo de auga desde o Zambeze cara depósitos seguros e, de aí, para as fontes comunitarias, e mais a construción de cercas no río que permitan á poboación bañarse e lavar a roupa sen risco.
Con esta e outras achegas canalizadas a través do Fondo Galego, o Concello de Nigrán está moi preto de acadar o compromiso marcado por lei de que as administracións públicas dediquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a cooperación internacional. “Estamos moi orgullosos de ser un municipio solidario e de liderar en Galicia esta aposta, ogallá máis concellos se vaian sumando”, desexou o rexedor nigranés.
Deporte e empoderamento
Baixo o título ‘Deporte e empoderamento’, o último proxecto apoiado polo Fondo Galego en Nhamayábue céntrase en ofrecerlle á xente nova alternativas de ocio saudable con enfoque de xénero. A iniciativa xurdiu da participación de Néstor Romero no programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar para fomentar a práctica deportiva como ferramenta para o cambio social. Tras dúas estadías na vila -a terceira terá lugar no mes de outubro-, acadáronse logros como a creación dun club de atletismo e do equipo feminino de fútbol, formación a árbitros e profesorado, dotación de materiais ou organización de campionatos. O Concello de Noia contribuíu a este proxecto achegando 1.500 euros para a compra de material deportivo.