Natalia Millán: “A cooperación e a acción colectiva poden dar solucións aos problemas globais”

Natalia Millán: “A cooperación e a acción colectiva poden dar solucións aos problemas globais”

Natalia Millán: “A cooperación e a acción colectiva poden dar solucións aos problemas globais” 1199 899 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A investigadora da Plataforma 2015 y más estivo nas plataformas sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para disipar as dúbidas das e dos internautas en torno á coherencia de políticas e os dereitos humanos, cuestións clave nun mundo globalizado, tanto para os gobernos como para a cidadanía en xeral, e fundamentais na configuración da nova axenda de cooperación internacional que se está a elaborar dende a ONU para os vindeiros quince anos.

No ciberencontro, que tivo lugar o pasado mércores 29 de xullo, Millán suliñou a importancia que ten na coherencia de políticas que "os países asuman compromisos máis alá da cooperación", incidindo en que é preciso "cuestionar e modificar todas as políticas públicas en función do desenvolvemento e os dereitos humanos".

A investigadora tamén amosou unha postura crítica fronte aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), dos que afirmou "supuxeron unha visión moi reducida dos problemas de desenvolvemento" cun problema de base: "non cuestionar as causas que xeran un mundo asimétrico". Neste sentido, avogou pola cooperación e a acción colectiva para "dar solucións aos problemas globais aos que nos enfrontamos".

O #EncontroP2015ymas, como se denominou a charla, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha pola entidade municipalista en 2014 co propósito de avaliar os ODM e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de cooperación post 2015 que se definirá este ano.

Natalia Millán Acevedo (Uruguai, 1975) é licenciada en Marketing e Publicidade pola Universidade do Pacífico de Chile e doutora en Ciencia Política (Relacións Internacionais) pola Universidade Complutense de Madrid. Conta, entre unha dilatada formación académica, con sendas mestrías, en Estudos Contemporáneos en América Latina e en Desenvolvemento e Axuda Internacional.

Como investigadora, ten participado con outros compañeiros en multitude de traballos para entidades como UNICEF ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e, na actualidade, colabora coa Plataforma 2015 y más.

1. Que balance fas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e que recomendacións suxires para a Axenda Post-2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros #Alén2015?

Con respecto aos ODM se pode describir un escenario de luces e sombras. Por unha parte, creo que significaron un importante avance no compromiso internacional co desenvolvemento humano, definindo unha axenda común e obxectivos específicos. Tamén xeraron unha visión sobre que os temas de pobreza e vulnerabilidade son problemas de toda a comunidade internacional.

En canto aos obxectivos específicos, está claro que se lograron moitos avances, como a mellora no acceso á auga potable, as instalacións sanitarias, o acceso paritario á escola ou mesmo a loita contra as enfermidades contaxiosas como a malaria ou o paludismo. E nese sentido, os ODM supuxeron importantes avances.

Porén, aínda queda moito por facer e hai varias críticas á propia configuración dos ODM. A primeira é que supuxeron unha visión moi reducida dos problemas de desenvolvemento.

Creo que a crítica máis fundamental é que os ODM, así como as políticas de cooperación en xeral, o que pretenden é paliar as consecuencias da pobreza e a desigualdade ou a vulnerabilidade humana pero non están dispostos a cuestionar realmente as causas que xeran un mundo asimétrico, desigual e violento para miles de millóns de persoas. Déixovos o último informe dos ODM de Nacións Unidas.

Con respecto aos obxectivos post 2015, como sabedes, agora mesmo estanse a rematar de negociar entre os países. Para min, o verdadeiro desafío é configurar unha axenda que se cuestione o sistema produtivo, económico, social que xera pobreza e desigualdade. É dicir unha crítica real do sistema no que estamos.

2. Esa crítica sería clave, pero non estou seguro de que os países vaian entrar niso desgraciadamente… A ver se polo menos se conseguen uns ODM que poidan ter unha marxe de acción máis "política".

Estou totalmente de acordo contigo. Esa crítica é bastante difícil de lograr. Efectivamente a axenda da cooperación manexouse máis como un problema tecnocrático, relacionado con procesos, obxectivos, avaliacións, etc. e non como un problema político, onde se xeraron políticas públicas (tanto a escala global como local) que xeran pobreza e desigualdade.

Lamentablemente os países e os actores internacionais son moi reticentes a traballar os problemas da pobreza como un elemento político…

3. Como se poden conseguir os ODM se países desenvolvidos como España suspenden en materia de DDHH e organismos como a UE só xeran medidas que atentan contra as clases medias-baixas?

Xustamente isto é o que eu investigo en Coherencia de Políticas: como os países teñen que asumir compromisos que vaian máis alá da cooperación. Lamentablemente, a evidencia empírica das investigacións que fixemos, demóstrannos que as políticas públicas non sempre seguen o interese xeral como é o caso das políticas chamadas de austeridade nos países do Sur de Europa.

Por iso, cando dou clases e conferencias sobre este tema e comento que o que hai que facer é cuestionarnos e modificar todas as políticas públicas en función do desenvolvemento e os dereitos humanos, ás persoas parécelles unha visión pouco "realista" e ambiciosa. Déixoche unha investigación que fixemos sobre política exterior española e dereitos humanos.

4. Non cres que a clave para lograr os ODM é que a ONU sexa máis severa coas políticas dos gobernos?

O problema é que a ONU non ten capacidade vinculante. As políticas de cooperación non son vinculantes e non obrigan os países a cumprir ningún dos seus propios compromisos. Eu creo que ese é un problema básico das políticas de desenvolvemento.

Moitas veces criticouse á ONU por formar parte do que se chama multilateralismo hexemónico e representar máis aos intereses duns países que doutros, ou máis ben dalgúns actores. Eu creo que o que está a pasar na Unión europea é un proceso similar, cando un actor interestatal representa máis a certos intereses que a outros en vez de velar polo ben común.

5. Como valoras os resultados da III conferencia sobre financiamento en Adís Abeba?

A verdade é que non a seguín con detalle para poder dar unha opinión, pero a idea era definir unha política de financiamento antes de configurar a axenda post 2015, algo que non se fixera nos ODM.

6. Algunha suxestión ou clave para poñer a tecnoloxía ao servizo da Coherencia de Políticas transparencia?

Creo que son dous temas fundamentais os que formulades. Por unha parte, a transparencia e a rendición de contas son fundamentais para avanzar en temas de coherencia. A capacidade para que a cidadanía controle a política pública é fundamental. Nese sentido, creo que as novas tecnoloxías nos dan unha oportunidade única por dous motivos.

En primeiro lugar, porque a cidadanía xa non é só receptor de mensaxes senón que agora podemos ser emisores e comunicarnos tanto con outros cidadáns coma coas propias administracións públicas. Por iso, todas as ferramentas de comunicación cos gobernos, especialmente cos gobernos locais, que son os máis próximos aos cidadáns, son unha oportunidade única.

7. Que coherencia de políticas se debería propor España? En que ámbitos tería que mellorar? E que relación hai entre a coherencia de políticas e a acción colectiva?

Fixemos varias investigacións sobre este tema. Obviamente todas estas preguntas son bastantes complexas e dáme a sensación de que contesto resumindo, por iso che deixo dúas investigacións sobre o tema.

Creo que con respecto a España hai varios ámbitos que suxerir para avanzar en coherencia. En primeiro lugar definir unha institucionalidade, é dicir, equipos e mecanismos para avanzar en coherencia de políticas.

En segundo lugar, integrar nos procesos de toma de decisións xente experta en temas de desenvolvemento humano que permita, polo menos dar conta, do incoherente que é a política pública co desenvolvemento. Hai ámbitos extremadamente cuestionables, como a política enerxética a de internacionalización da empresa. Aquí deixo outro artigo sobre o tema.

En canto á acción colectiva, agradézoche a pregunta porque diso foi a miña tese doutoral. A realidade é que a pesar de que nos educan cada vez máis nos valores da competitividade, é a cooperación e a acción colectiva as que poden dar solucións aos problemas globais aos que nos enfrontamos, como a seguridade humana, a sostibilidade ambiental, o terrorismo internacional, a saúde pública global, as migracións, a pobreza, etc.

8. Que podemos facer para favorecer a coherencia? Por exemplo, estou a pensar en facer un voluntario nun país en vías de desenvolvemento. Como ou que farías se o sitio ao que vas axudar está a ser prexudicado polas políticas ou empresas do teu país?

Vin moitas veces como a falta de cuestionamento crítico ao asumir programas de cooperación remata prexudicando máis que favorecendo a certas comunidades e países.

Hai moitas formas de traballar nestes temas. Un deles é a incidencia e a denuncia. É dicir as organizacións da sociedade civil temos unha gran responsabilidade na denuncia de violacións de dereitos humanos ou de políticas perniciosas para a cidadanía.

Por outro lado, que as políticas públicas do teu país prexudiquen a outro país non significa que non poidas desenvolver programas de cooperación, só que tes que saber a quen estas axudando e a que intereses responde ese programa.

É un pouco entender a diferenza de que cando vas traballar en temas de desenvolvemento sempre hai que asumir un enfoque de dereitos non de necesidades. Son visións totalmente opostas ao traballar nisto e hai que ser consciente diso.

9. A coherencia de políticas a nivel local pasa pola compra pública responsable soamente ou por posicionamentos públicos desde o poder local, coma por exemplo, de oposición á guerra ou aos gastos militares dos Estados?

Este é un tema moi pouco traballado na literatura e na praxes: como integrar a Coherencia de Políticas (CPD) aos gobernos locais? Hai varios temas aquí. En primeiro lugar, a autoridade local é a administración máis próxima á cidadanía polo que se pode facer un traballo moi importante en promover os dereitos humanos e xerar conciencia crítica en temas como educación para o desenvolvemento, por exemplo.

Pero tamén, as propias políticas das administracións locais poden integrar os principios de CPD. Non só en compras públicas, tamén en apoio ás empresas políticas de cambio climático, acceso a dereitos para os colectivos máis vulnerables, etc.

10. A coherencia de políticas pode influírnos no día a día? Como podemos esixirlle ao noso goberno que mellore neste sentido ou que podemos facer nós para cambialo?

Sería bo saber que a coherencia ao 100% en calquera orde da vida é imposible. Pero hai dous cousas que se podemos facer, ao meu xuízo.

En primeiro lugar, demandar aos gobernos un maior compromiso cos dereitos humanos de todas as persoas, non só os nosos, senón de todas as persoas (o que pasa cos inmigrantes no mediterráneo ou no valo de Melilla é vergonzoso).

En segundo lugar, na nosa vida diaria e no noso propio consumo, podemos cambiar os nosos hábitos, sobre todo no consumo, para que teñan menos impacto negativo noutras persoas. Por iso déixovos un pequeno vídeo sobre o TTIP e as súas consecuencias, creo que paga a pena. Tamén aproveito para deixarvos un par de links da Plataforma 2015 e do blog que temos aí.

11. Que dimensión ten a comunicación na coherencia de políticas?

Para min fundamental. Preocúpame moito o tratamento mediático que se lle dá aos temas de desenvolvemento. Sobre iso escribín un artigo recentemente. É necesario intentar xerar espazos de diálogo sobre os temas fundamentais para a nosa sociedade e que parece non teñen cabida real, como a ecoloxía, o feminismo, o cosmopolitismo, os dereitos humanos, etc. A comunicación é unha ferramenta de cambio pero tamén de reprodución de valores hexemónicos do sistema.

12. Cres que España retrocedeu en dereitos humanos nos últimos anos? A crise contribuíu a isto? Pódese recuperar ou mellorar neste sentido o país nos vindeiros anos? Que predicións manexades, tanto a nivel nacional como internacional, en materia de dereitos humanos (DDHH)?

España retrocedeu moito nos últimos anos en temas de DDHH. Non sei se é pola crise, que mais parece unha coartada que unha realidade. Os retrocesos sempre se poden recuperar pero para iso fai falta vontade política, o que lamentablemente non hai.

É difícil facer unha predición, porque as ciencias sociais, ao meu xuízo, non poden predicir a realidade, que é moi complexa e depende de múltiples factores.

Liga o sorteo dende a túa web:
Sorteo #EncontroP2015ymas

Resultado do Sorteo

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Iria del Campo

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información