Música e fotografías de Cabo Verde para promover a interculturalidade

Música e fotografías de Cabo Verde para promover a interculturalidade

Música e fotografías de Cabo Verde para promover a interculturalidade 1199 673 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, iniciou o 11 de xuño en Riveira a súa xira polos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. Co seu concerto inaugurouse no Auditorio Municipal a exposición fotográfica 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade', realizada polo fotoxornalista Rober Amado no país lusófono como gañador da primeira edición do certame Imaxes con Fondo.

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que tamén ofrece unha charla introdutoria na súa actuación. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.

Rober Amado é o autor das fotografías de Cabo Verde.Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é tamén o obxectivo da exposición 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade'. O reporteiro ferrolán Rober Amado, colaborador de diversos medios e galardoado tamén co premio Tiflos da ONCE, pasou un mes visitando boa parte dos proxectos alí apoiados, coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos como parceiro local. Froito do seu percorrido por media ducia de illas son as imaxes protagonizadas polas persoas beneficiarias destas intervencións, retratos da vida cotiá que en conxunto achegan ao espectador á realidade do arquipélago.

Desde 2002, o Fondo Galego cofinanciou no país lusófono máis de 30 proxectos de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias. A exposición fotográfica, que se estreou a finais de 2013 coincidindo coa conmemoración da Irmandade Galicia-Cabo Verde que se concretou na visita dunha delegación caboverdiana, compleméntase con catro paneis explicativos. Ao longo de 2016, a mostra e as batukadeiras pasarán polos concellos de Cambados, Moaña, Nigrán, Ames, Oleiros, Bergondo e A Coruña.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información