O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanza o V Certame de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ‘Muros que unen’, co financiamento do Concello da Coruña. O certame encádrase no convenio acordado entre as partes para destinar 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades. O crecemento inclusivo e o traballo decente, a innovación e a industrialización sustentable e mais a redución das desigualdades serán os temas centrais das obras, que calquera persoa ou colectivo pode presentar ata o 13 de outubro.
Con ‘Muros que unen’ búscase dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no marco da Axenda 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a quinta edición de ‘Muros que unen’ centrarase en tres deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que os municipios deben contribuír a acadar.
Trátase do ODS 8: Promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as persoas; o ODS 9: Construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sustentable e fomentar a innovación; e mais o ODS 10: Reducir a desigualdade en e entre os países. Anteriormente xa se representaran tamén en espazos públicos do municipio os ODS 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 11.
Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos tres ODS, que se plasmarán no patio do CEIP Sal Lence, para o que a organización facilitará todos os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas por artista, seguindo o procedemento establecido nas bases. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. Calquera dúbida pode consultarse no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal ou no teléfono 604 040 890.