Xa está publicada a 'Memoria 2017: 20 Anos a Fondo coa Solidariedade', que resume a actividade realizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante o pasado exercicio, marcado pola conmemoración do vixésimo aniversario da entidade. Unha efeméride que impulsou a participación no seo da asociación, así como a captación de novas administracións socias, e que nos situou na presidencia da Confederación de Fondos a nivel estatal.
En 2017 seguimos fortalecendo lazos con institucións galegas e cos parceiros en terreo, visitando Cabo Verde ou Mozambique pero tamén recibindo en Galicia unha delegación ministerial de Guinea-Bissau. Tivemos asemade moi presentes os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), tanto en accións formativas como de concienciación da cidadanía galega fronte as desigualdades. Unha área, a de sensibilización, que combinou actividades de eficacia probada con accións innovadoras, que chegaron a milleiros de persoas duns sesenta concellos.
Outras realidades, a loita contra a pobreza e a exclusión, a equidade de xénero ou as persoas migrantes e refuxiadas son algunhas das temáticas que se abordaron a través de exposicións, documentais, contos, obradoiros ou espectáculos musicais e teatrais a prol dos dereitos humanos. Cómpre destacar a exposición '20 Anos a Fondo coa Solidariedade' e mais a obra 'O valo', así como a nova vertente do programa Vacacións con Traballo, na que persoal técnico de municipios do Sur viaxa a Galicia para intercambiar experiencias cos seus homólogos.
En canto aos proxectos de cooperación internacional, destacan senllas iniciativas en Mozambique, para promover a saúde a través do deporte entre a xente nova do rural e para garantir un acceso seguro á auga potable mediante a construción de pozos. Ademais, aprobouse o financiamento de tres proxectos de ONGD galegas en Guinea-Bissau, Guatemala e Honduras. A isto hai que sumarlle a axuda de emerxencia destinada á poboación saharauí e ás persoas refuxiadas da ruta dos Balcáns.
A memoria de 2017 péchase cunha sección dedicada á comunicación, na que se detallan as estratexias online e offline executadas, outra co balance económico do exercicio, no que se levou a cabo a revisión da contabilidade e, por último, a axenda coa listaxe de actividades realizadas ao longo deste intenso ano.