A responsable de medios de comunicación e coordinadora do Equipo de Educación do Grupo local da Coruña de Amnistía Internacional España (AI), Margarita González, contestou as dúbidas das e dos internautas en torno aos Dereitos Humanos e o traballo da entidade nas redes sociais do Fondo Galego o pasado mércores 30 de xullo. Este ciberencontro enmárcase no programa #Alén2015, que busca crear un entorno de debate sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) que conclúen en 2015.
Margarita González (Noia, 1956) é diplomada en Educación Primaria e especialista en Audición e Linguaxe. Colabora activamente con Amnistía Internacional España dende hai 30 anos. Asumiu diversas responsabilidades dentro da entidade, como membro do Comité Executivo de AI ou coordinadora de AI Galicia. A nivel autonómico, forma parte do Equipo DESC (Dereitos Económicos, Sociais e Culturais).
1. Que balance fai Amnistía Internacional España dos ODM e que recomendacións suxiren para a Axenda Post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?
AI recoñeceu sempre a interdependencia e indivisibilidade de todos os dereitos, mais ou seu traballo centrouse tradicionalmente nos civís e nos políticos. Desde o ano 2001 ampliou o seu mandato aos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (DESC). Seguiu con moita atención os obxectivos do Cumio das Nacións Unidas do 2012, onde naceron os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Pero AI sempre quere dar un paso máis. Estes obxectivos axudaron algo pero nos do 2015 debe haber: rendición de contas, esixencia perante a xustiza e conformidade cos Dereitos Humanos (DDHH), senón perden eficacia.
2. Como afronta Amnistía Internacional a barbarie que sofre o pobo palestino en Gaza? Parécevos máis produto das consecuencias dun conflito bélico ou coma unha especie de “limpeza étnica” do pobo israelí sobre o palestino?
AI solicitou enviar unha misión presencial, pero foille denegado o permiso. Entón, obtén a súa información de contactos fiables de Gaza, organismos das Nacións Unidas e medios de comunicación.
Ás partes en conflito pídelles que respecten a poboación civil e as Leis da Guerra e á Comunidade internacional que non lles vendan armas nin a israelíes nin a palestinos. AI está satisfeita coa Comisión de Investigación creada.
'Un selfie contra as bombas' é a campaña que ten activa actualmente Amnesty International para reclamar que Israel e os grupos armados palestinos poñan fin aos ataques sobre civís. A acción 'Civilians under fire' foi promovida en Twitter e Facebook pola sección española de AI. Consiste en ter a palabra STOP (en calquera idioma) na man, tomar una foto e subila ás redes sociais utilizando o hashtag #CiviliansUnderFire. Con esta campaña preténdese facer un chamamento a ambas partes para que protexan a poboación civil: http://goo.gl/sr4FDw.
3. Como é o proceso para que unha entidade tan grande como é AI chegue a un posicionamento común sobre un caso concreto de violación dos DDHH que pode xurdir no ámbito local? A estrutura da organización ralentiza a posible publicación dun comunicado ao respecto, agora que os tempos esixen inmediatez?
AI leva a cabo un labor de investigación destinado a expoñer publicamente os abusos contra os dereitos humanos e garantir que as súas campañas se baseen en informacións certas. Os Equipos de Investigación do Secretariado Internacional comproban a información visitando os países ou reciben información de presos, familiares, avogados, organizacións humanitarias… Queren ser independentes e imparciais. Na actualidade ampliáronse os supostos de actuación polo propio país.
AI quere rapidez, pero sobre todo veracidade. Manexa información contrastada cos pasos indicados anteriormente pero non está desconectada da realidade e ten un forte movemento en Twitter e Facebook porque aquí non se publican informes; a través destas vías trátase de evitar unha condena a morte ou emitir diversas accións online como a que temos activa actualmente sobre o conflito árabe-israelí.
4. Hai conflitos onde resulta máis cómodo posicionarse pola gravidade da situación -ocórreseme o caso de Israel contra Palestina, onde xa hai unha tradición de solidariedade-. No entanto, hai outros onde mediaticamente resulta máis difícil posicionarse, como é o conflito actual no Donbass onde tamén é necesaria a axuda humanitaria: http://goo.gl/0zS1fS. Que criterios se utilizan para a intervención en diferentes conflitos? Trátase de criterios puramente humanitarios ou o posicionamento ideolóxico dos contendentes tamén conta? Axúdase a todo o mundo por igual?
A postura de AI é moi diferente á da Comunidade Internacional (CI), Amnistía Internacional preocúpase por todos os países desde China ata Burkina Faso, non fai listaxe negra de países, en todos se violan os DDHH. Na CI hai moita hipocrisía, prevalecen os intereses económicos. Que pasaría se en Gaza houbese petróleo ou se Alemaña non dependese enerxeticamente de Rusia?
5. Cales son os obxectivos de Amnistía España? En que lugar é máis difícil realizar o voso labor?
En AI España temos os mesmos obxectivos que en Amnistía Internacional, pero facendo fincapé en temas moi de actualidade. O problema da inmigración en Ceuta e Melilla, o acceso á saúde das persoas migrantes, os DESC… Estase a investigar sobre as execucións hipotecarias en España, os dereitos sexuais e reprodutivos, o anteproxecto da Lei sobre o aborto, etc.
Sobre en que lugar é mais difícil o noso labor, nos países en conflito, como xa comentei, na actualidade non nos deixan entrar en Gaza. Tamén hai dificultades nos países con democracias febles.
6. Cales son algúns dos países nos que se supón que a tortura é práctica habitual?
Lamentablemente están documentados casos de tortura en moitos países: Irán, Irak, China, Estados Unidos (Guantánamo e Guerra contra o terror). Recentemente hai unha sentenza condenatoria sobre o goberno polaco por permitir o traslado de presos doutros países a Polonia para seren interrogados con medios ilícitos.
7. Se os fenómenos actuais como Wikileaks ou Edward Snowden demostran que os Estados son máquinas de espionaxe masiva, non deberían ser controlados na Axenda Post 2015?
A incorporación na axenda ou noutro apartado está por determinar. A AI preocúpalle este tema, de feito cando estalou o tema de Edward Snowden e Wikileaks, AI emitiu comunicados con numerosa peticións e solicitou que se garantira a integridade física e mental de Edward Snowden.
8. Cal sería o protocolo de actuación de Amnistía Internacional nunha situación de enfrontamento coma a que está a pasar nestes intres entre Gaza e Israel?
AI o primeiro que quere e que todos actuemos en favor das vítimas dun determinado conflito. Se pode, envía misións de investigacións sobre o terreo, por exemplo, cando foi a operación 'Chumbo Fundido' de Gaza, Donatella Romero, investigadora de AI, informábanos desde Gaza da situación a través do seu blog.
Se non nos deixan entrar en Gaza, como está a ocorrer agora, recorremos a contactos fiables (a veracidade da información é a bandeira de AI); tamén ás informacións de presos, avogados, medios de comunicación, ONGD, etc.
Coa información recollida emítense unha serie de accións urxentes en internet (máis de 500.000 internautas colaboran con AI). Acción inmediata. Meses máis tarde aparecen informes sobre a situación. Grazas a estas investigacións, desde o ano 1961 acadamos a liberación de máis de 50.000 presos de conciencia e a abolición da pena de morte en máis de 145 países.
9. Como é o proceso de selección e diagnóstico que realiza AI para iniciar unha acción por unha causa ou conflito? Cal é o grao de interacción dos afectados na definición de pautas e prioridades e como se recollen as achegas de actores próximos aos interesados?
Hai unha palabra moi de actualidade en AI, empoderar, que significa que as persoas tomemos conciencia de que só por ser persoas temos uns DDHH que os Estados teñen que garantir. Temos unhas ferramentas estupendas, a palabra e mais a educación.
Recentemente, lin que membros de AI desenvolvían unha actividade en dous países africanos na que daban charlas ás mulleres das comunidades sobre os seus dereitos sexuais, reprodutivos e económicos. Querían que se converteran en defensoras dos DDHH e loitasen desde dentro, sen depender tanto da axuda internacional.
As achegas de actores próximos aos interesados recóllense en persoa -cando se pode- e senón, por teléfono, email, etc.
Sobre como é o proceso de selección e diagnóstico que realiza AI para iniciar unha acción por unha causa ou conflito, Amnistía Internacional sempre ten que estar conforme cos principios de independencia e imparcialidade. Por exemplo, nun conflito armado, AI non fala de bos e malos, pero cando comproba violacións como: ataques a hospitais, bombardeos de escolas, uso das flechetts (dardos que poden ter ata 9.000 frechas que explotan no aire e non van a obxectivos concretos), pide que os seus responsables sexan xulgados e haxa unha reparación para as vítimas.
9. Son necesarias campañas de sensibilización como as que levades a cabo dende Amnistía Internacional no ámbito da cooperación? Cal ou cales destacarías polo seu impacto?
Partindo de que as vulneracións de dereitos humanos causan e perpetúan a pobreza e a pobreza conduce directamente a eses abusos, os dereitos humanos son a clave para saír da trampa.
Amnistía Internacional fai campaña para pedir aos Estados que protexan os dereitos dos habitantes de asentamentos precarios, que poñan fin ás mortes innecesarias de mulleres por complicacións no embarazo e que garantan que as empresas respectan os dereitos de quen viven na pobreza.
Por iso quere que no marco Post 2015, os seus obxectivos sexan conformes cos dereitos humanos, que poidan ser esixidos perante a xustiza e os Estados teñan que render contas a un tribunal, unha comisión de dereitos humanos ou un órgano normativo creado a tal efecto.
Hai numerosos exemplos de campañas, pero subliño dous que reflicten ben o efecto da nosas actividades.
23 xuño: Sentenza histórica ditada por un tribunal británico que prepara o terreo para facer por fin render contas á empresa Shell pola contaminación por petróleo do delta do Níxer."O fallo é unha boa advertencia á Shell", explicou Audrey Gaughran, directora de Asuntos Globais de Amnistía Internacional. A mensaxe do tribunal é clara: se non toman medidas adecuadas para protexer os seus oleodutos e impedir que sexan manipulados, poderían ter que responsabilizarse dos danos causados.
11 de xuño: A lei que permite aos sawhoyamaxa regresar ás súas terras ancestrais –asinada polo presidente de Paraguai– supón un triunfo para unha comunidade indíxena que leva máis de vinte anos loitando polos seus dereitos.