O coordinador de campañas de Manos Unidas, Marco Gordillo, disipou as dúbidas das e dos participantes no encontro dixital #Alén2015 de outubro en torno a cuestións relativas aos ODM, a pobreza, o cambio climático, a seguridade alimentaria ou papel das ONG en España. Fíxoo nas redes sociais da entidade municipalista o mércores 29 no marco do citado programa do Fondo Galego, onde axentes de cooperación expoñen a súas posicións ante diversos ámbitos relacionados coa súa actividade. A iniciativa pretende avaliar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e dar a coñecer as propostas de distintos organismos para a Axenda Post 2015.
Marco Gordillo (Puebla, México, 1966) é licenciado en Teoloxía e Filosofía e postgraduado en Dirección de Asuntos Públicos. Traballou como responsable institucional do seguimento do proceso ALCA e coordinador técnico de proxectos de desenvolvemento en Brasil de Manos Unidas. Participou como observador nas reunións de Nacións Unidas sobre cambio climático, no Cumio Río+20 sobre Desenvolvemento Sostible e formou parte do Mecanismo da Sociedade Civil nas reunións do Comité de Seguridade Alimentaria da ONU para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Actualmente, exerce como responsable de campañas e traballo en rede de Manos Unidas e é membro da Xunta de Goberno da Coordinadora de ONGD – España.
1. Que balance fai Manos Unidas dos ODM e que recomendacións suxire para a Axenda Post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?
Dos ODM, en primeiro lugar, hai que recoñecer que conseguiron focalizar o traballo da comunidade internacional nunha soa axenda de desenvolvemento, en sectores estratéxicos relativos á pobreza, a fame, a saúde, a educación, etc. e que se acadaron algúns resultados interesantes. Por exemplo, conseguiuse diminuír á metade o número de persoas que padecen pobreza absoluta, reduciuse a mortalidade infantil, e avanzouse significativamente no acceso universal á educación primaria.
Por outro lado, os ODM son moi pouco ambiciosos nas súas pretensións, centran a axenda nos países en desenvolvemento, carecen dun enfoque sistémico-causal (só se centran nas consecuencias), carecen de mecanismos de seguimento e, sobre todo, foron moi pouco participativos na súa identificación. Ademais, algúns obxectivos foron directamente un fracaso. Particularmente o relativo á sostibilidade ambiental (obxectivo 7) e o da creación dunha alianza global para o desenvolvemento (obxectivo 8).
En resumo, os ODM supuxeron un avance estratéxico na maneira de abordar algúns dos problemas máis graves relativos á pobreza e o desenvolvemento, pero ao carecer dun enfoque causal e participativo, non conseguiron máis que paliar relativamente algúns efectos que xeran pobreza, sen conseguir superar realmente as cuestións de fondo.
En relación coas suxestións que teriamos que facer para a Axenda de Desenvolvemento Post 2015, aínda hai moitas cosas que dicir, sintetizareinas en tres cuestións:
1) Necesitamos unha axenda transformadora, que vaia ás causas dos problemas e non quede soamente nos efectos. Ademais, no contexto da globalización, a axenda ten que ser universal, é dicir, con obxectivos de desenvolvemento para todos os países, tamén para os países "desenvolvidos". Finalmente, a axenda ha de garantir necesariamente o respecto dos dereitos humanos de todas as persoas. Estes serían os valores e principios imprescindibles para a construción da axenda.
2) En canto aos seus contidos, o proceso de Nacións Unidas certificou xa a confluencia das axendas de desenvolvemento e de sustentabilidade ambiental. Pobreza e insostibilidade son dúas caras da mesma moeda. Por tanto, a axenda ha de abordar temas tradicionais da axenda de desenvolvemento (pobreza, fame, saúde, educación, etc.) e da axenda ambiental (cambio climático, biodiversidade, desenvolvemento sustentable, etc.). Ao final, tres son os grandes desafíos globais a enfrontar como humanidade nos próximos anos: a erradicación da pobreza, a diminución das desigualdades e a construción dun modelo de desenvolvemento universal e sustentable.
3) Para que a axenda funcione, é necesario acordar algúns instrumentos e ferramentas que garantan o seu cumprimento. Por tanto, hai que abordar elementos de gobernanza global, que teñen que ver, por exemplo, co nivel de compromiso dos Estados coa Axenda Post 2015, mecanismos de seguimento e rendición de contas, a participación de todos os actores, tamén da sociedade civil, o financiamento da axenda, o establecemento de indicadores, etc. Sen estas regras do xogo acordadas, dificilmente a axenda poderá chegar a conseguir os seus obxectivos.
2. Son conscientes as Administracións de que cada vez hai máis xente intolerante ao trigo ou ao leite e o alto prezo que ten variar a súa cesta da compra? Cando se vai dicir que a dieta actual non é a máis saudable que existe?
Efectivamente o problema da fame é un problema global e como tal, hai que dar respostas globais. Mentres máis de 800 millóns de persoas padecen desnutrición crónica no mundo, case mil millóns de persoas sofren de obesidade nos países ricos. Unha alimentación suficiente en termos cuantitativos e cualitativos é necesaria, tanto para os países que sofren desnutrición como para toda a poboación mundial. Pero o cambio de hábitos da nosa dieta, priorizando produtos cárnicos, lácteos e procesados, está a levarnos a un consumo inapropiado e pouco saudable de alimentos, e isto forma parte do problema global da seguridade alimentaria e nutricional. O consumo excesivo de proteína cárnica nos países ricos, por exemplo, supón un aumento dos efectos negativos sobre o medio ambiente, tanto en termos de deforestación, dedicación de terras ao cultivo de pensos animais, e produción de metano, un dos gases máis danosos para o cambio climático.
3. Pola súa experiencia, cales diría que son as claves dunha boa campaña? Como teñen evolucionado as imaxes e mensaxes empregadas?
As campañas son unha ferramenta con múltiples funcións. No ámbito das ONG, historicamente as campañas naceron coa dobre finalidade de "crear conciencia" e ao mesmo tempo "recadar fondos". E neste tempo, hai máis de 40 anos, as mensaxes e as imaxes pretendían afectar as emocións do receptor, movéndolle á "compaixón".
Hoxe as campañas expóñense doutra maneira. En primeiro lugar, hai unha clara diferenza entre as campañas nas que a mercadotecnia e a recadación de fondos se unen con esta finalidade, e outras campañas cun forte contido de denuncia, mobilización e/ou incidencia política para cambiar unha realidade. Ademais, impúxose en termos xerais o respecto pola dignidade das persoas no uso de imaxes e mensaxes. Xa non se trata de conmover por compaixón, senón de axudar á xente a facerse responsable da realidade, desde unha formulación de "cidadanía global".
4. Atópome a diario cunha cantidade inxente de organizacións de axuda e solidariedade coa pobreza. Cal é o motivo desta proliferación? É posible que esteamos ante unha mercantilización da solidariedade?
España é un país moi particular no ámbito europeo en relación ao número de ONG existentes. A diferenza doutros países, calcúlase que en España existen un 4.000 organizacións de desenvolvemento, a maioría delas pequenas e locais. Este é un dato que ofrece unha dobre lectura:
Por unha banda, a proliferación de ONG dispersa os esforzos e os recursos (humanos, materiais e económicos) diminuíndo "presuntamente" algo moi querido polo discurso actual de desenvolvemento: a "eficacia". Ademais, é probable que detrás dalgunhas ONG haxa xente sen unha motivación específica sobre cooperación ou solidariedade, e que simplemente atopou este espazo como unha vía de supervivencia.
A outra lectura, coa que eu me identifico con bastante rotundidade, é comprender a proliferación de ONG en todo o territorio español a partir de dous feitos fundamentais: o valor da solidariedade na cidadanía, como motor constante de iniciativas e proxectos, e a nosa estrutura descentralizada, que até agora polo menos permitiu que comunidades autónomas e concellos dispoñan de recursos públicos para apoiar estas iniciativas cidadás.
Se tivese que elixir entre unha sociedade sen ONG e outra con demasiadas ONG, non dubidaría en elixir a segunda porque para un país a solidariedade é un valor imprescindible e que mellor que expresalo no compromiso concreto e cotián de organizacións locais e pequenas, cunha grande ambición de solidariedade e transformación.
5. Cal é o criterio para escoller os proxectos e os países de intervención? E, tendo en conta isto, non cre que xa se dan as condicións para traballar no noso contexto? As últimas análises indican que en España e Galicia hai fame, carencias educativas e grupos en exclusión como o da muller ou a vellez.
Hai pouco escoitei a Jose A. Alonso facer unha reflexión: durante moitos anos a política de cooperación construíuse en base ao suposto dun mundo dividido entre un Norte rico e un Sur pobre, e coa idea que cooperar significaba facer que os países pobres vivisen como os países ricos. Pero hoxe a realidade cambiou nestes dous supostos. Nin todo o Sur é pobre, nin o Norte é pura riqueza, na medida en que a desigualdade vai medrando en todos os países. E ademais, non é viable que todos os países en desenvolvemento vivan como os países ricos, é simplemente insustentable en termos ambientais e de recursos naturais.
Por tanto, o traballo por un mundo xusto, solidario e sustentable é un desafío común da humanidade, aquí e alá, no Norte e no Sur. Non podemos nin debemos deixar de traballar cos países en desenvolvemento pero tampouco podemos nin debemos esquecer a xente do noso país que sofre pobreza e os efectos da desigualdade.
6. Realmente os concellos teñen algo que aportar á cooperación internacional? E os Fondos de cooperación municipal?
Si, teñen moito que achegar. En termos orzamentarios, todas as achegas de calquera municipio pasan a formar parte do total de AOD (Axuda Oficial ao Desenvolvemento) coa que España contribúe ao desenvolvemento, co compromiso de alcanzar o 0'7% da nosa Renda Nacional Bruta. Para 2015, por exemplo, a contribución de comunidades autónomas e concellos será de case 200 millóns de euros, nun tal de 1.823 millóns.
Pero o que creo é máis valioso e significativo é a posibilidade de establecer lazos locais con outras comunidades doutros países a través de proxectos de cooperación e participación das propias ONG ou outros actores. Os concellos como espazo de expresión de solidariedade internacional son algo moi importante para os cidadáns. E isto non existe noutros países europeos. Creo que por iso temos que defender a cooperación local como un valor.
7. Atopo semellanzas entre os proxectos de Manos Unidas e outras das ONG que colaboraron neste foro anteriormente, incluso nos países receptores como, por exemplo, a India e colectivos como a muller. Non se pode colaborar e aproveitar recursos? Falta unha rede integral de colaboración ou son decisivos o ton e o tipo de institucións?
Por unha banda, a reflexión é oportuna e pertinente. É posible que teñamos un maior e mellor impacto no noso traballo de solidariedade cos países a partir de estratexias compartidas e consensuadas, incluíndo o compartir recursos, medios, etc.
Por outra parte, no ámbito internacional vaise impondo, como requisito de "eficacia" na axuda, o principio de "apropiación": non somos nós, senón as poboacións locais as que han de identificar cales son as súas necesidades, como e en que traballar. Esta formulación vai máis aló (aínda que non o impide) dunha posible coordinación entre as ONG españolas. Por outra banda, as demandas de colaboración a nivel mundial son tan amplas, que con frecuencia nos atopamos con proxectos similares nun mesmo país, pero en contextos rexionais e sociais completamente diferentes.
8. A miña pregunta xira arredor do desperdicio dos alimentos, gustaríame saber se se levaron ou se xa se están a levar á práctica políticas educativas no chamado "primeiro mundo" sobre este asunto. Penso que, de facerse un consumo responsábel, sería máis difícil a instalación, ou mellor invasión, dos países denominados de "terceiromundistas" para cubrir as "necesidades" dos países do Norte.
Segundo o último informe de WWF Planeta Vivo 2014, se todas as persoas do mundo tivesemos o estilo de vida dun residente típico dos Estados Unidos, necesitariamos 3,9 planetas Terra! É dicir, os nosos modelos de produción e consumo como sociedades ricas nin son universalizables, nin son sustentables a longo prazo. Este é o problema da sustentabilidade que ten que abordar a Axenda de Desenvolvemento Post 2015.
Segundo a FAO, desperdiciamos o 30% dos alimentos que producimos, ao longo de toda a cadea alimentaria. En España tiramos 8 millóns de toneladas ao ano de alimentos ao lixo e o 60% desta cantidade tirámola nas nosas propias casas. Temos moito que aprender e moito que cambiar cara un consumo responsable e sustentable. Sen dúbida, esta é unha das claves para facer do noso mundo un lugar habitable e digno para todos.
9. En elementos críticos coma o dereito ao aborto, Manos Unidas ten posición. Como participa nos debates nos países do Sur?
Si claro, Mans Unidas ten posición. É absolutamente contraria ao aborto entendido como un dereito, tal como o expresaches na túa pregunta. Todas as decisións que afectan á vida doutras persoas teñen un carácter ético, e uns certos límites. E unha cousa é valorar eticamente o que significa o perigo de morte dunha muller nun embarazo de alto risco, e outro tipo de atenuantes, e outra considerar que abortar é un dereito que forma parte intrínseca da liberdade sen límite de calquera muller en calquera circunstancia. En temas complexos, as reflexións e argumentacións son complexas tamén, pero en esencia esta é a nosa posición, que por certo non é contraditoria en absoluto coa defensa do enfoque de xénero e o empoderamento da muller neste mundo globalizado, cousas que Mans Unidas comparte e apoia.
10. Como se pode loitar pola desnutrición no Terceiro Mundo se esta aumenta cada vez máis no mundo desenvolvido. Non crees que a diferenza na repartición da riqueza pode ser a clave? Eu ata que isto non ocorra considero que a desaparición do Terceiro Mundo é inviable. E o é porque queren "os de arriba".
En primeiro lugar, comentarche que en realidade a "desnutrición" crece fundamentalmente nos países pobres, mentres que nos ricos o problema máis forte é a "malnutrición", aínda aceptando que tamén no noso mundo rico hai persoas pobres e que pasan fame. Pero gustaríame ir á segunda parte da túa pregunta. Efectivamente, como dis, as diferenzas na repartición da riqueza poden ser a clave da persistencia da pobreza no mundo.
Segundo datos de Nacións Unidas, dos 7.000 millóns de habitantes do planeta, os 1.200 millóns máis pobres acceden unicamente ao 1% da riqueza mundial, mentres que os 1.000 millóns máis ricos, acceden ao 74% da riqueza do mundo. Isto é inxusto e intolerante! De modo que, mentres non abordemos as desigualdades a nivel mundial como problema, non estaremos en condicións de construír un mundo realmente solidario, xusto e sustentable. Pero isto, á súa vez, implica asumir cambios estruturais en todos os países e valorarmos estilos de vida que non se basean no consumo sen límites nin no ter… E isto non é sinxelo de cambiar. Por iso, volvo insistir, os tres grandes desafíos da Axenda Post 2015 son: pobreza, desigualdade, sustentabilidade. E incúmbenos a todos.
11. Crees que se está a traballar na boa dirección en relación co cambio climático?
Para responder hai que abordar dúas cousas: dirección e intensidade. A dirección global cara ao problema do cambio climático hoxe en día está sen dúbida máis e mellor marcada que fai unha ou dúas décadas. Hai máis consciencia do cambio climático, menos escepticismo, e maior dispoñibilidade dos Estados de chegar a un acordo global para frear o cambio climático. O problema non é a dirección senón a intensidade, ou máis ben, a morneza das respostas e a lentitude dos procesos nos que se toman decisións.
Despois do protocolo de Kyoto, acordado en 1997, a comunidade internacional non foi quen de chegar a un acordo global, ambicioso e xuridicamente vinculante, que limite as emisións de CO2 á atmosfera e facilite os procesos de adaptación ao cambio climático.
A reunión número 21 da Convención Marco sobre Cambio Climático, que terá lugar en París en 2015, esperamos que sexa o momento de chegar a un acordo definitivo e eficaz. Mentres tanto, cada ano rompemos a marca de emisións de CO2 que lanzamos á atmosfera, o planeta segue a quentarse, e as comunidades máis pobres e vulnerables padecen xa as consecuencias: secas, choivas escasas, estrés hídrico, inundacións, etc.
A Unión Europea está a facer un esforzo razoable, a semana pasada acordou para 2030 reducir nun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro en relación con 1990 e aumentar a eficiencia enerxética, pero son obxectivos pouco ambiciosos para o que a realidade precisa.
Antes de despedirme gustaríame recomendarvos algúns documentos, para quen teñades interese en acompañar o proceso de construción da Axenda Post 2015, que entrará en xaneiro na fase de negociacións entre Estados, a partir do reporte que o secretario xeral das Nacións Unidas publicará a finais de novembro 2014.
A proposta de grupo de traballo que saíu do Cumio Río+20 en 2012, coa encomenda de elaborar un borrador de Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), é unha das bases máis importantes do que será a nova axenda. Podédelo ver en español aquí.
A Comisión Europea sacou en xuño pasado unha comunicación sobre a Axenda, chamada 'Unha vida decente para todos'. Podedes atopala nesta ligazón, aínda que só está en inglés e francés.
E finalmente a posición española de cara á Axenda Post 2015. Podédela ver nesta ligazón.