“Cando as mulleres participan plenamente na vida política, a democracia tórnase máis forte, as comunidades tórnanse máis xustas e o desenvolvemento tórnase máis sustentable”. Así culminaba a Declaración da Praia adoptada onte polas máis de 130 representantes municipais de África e Galicia que se reuniron no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ celebrado en Cabo Verde. A lectura do acordo puxo punto e seguido ao debate sobre o papel da muller no poder local, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV).
Reforzar a participación das mulleres na gobernanza local, consolidar políticas de igualdade e transversalizar a perspectiva de xénero na acción municipal son algunhas das apostas recollidas no documento, ao que deu lectura, entre outras, María Muíño, secretaria do Fondo Galego e concelleira en San Sadurniño. Previamente, a coordinadora da Área Social da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), Princesa Peixoto, presentou as reflexións finais, animando ás presentes a “loitar polo voso espazo democrático no poder local”. As xornadas pecháronse asemade co compromiso de seguir colaborando nesta liña.
‘As Elixidas’. II Encontro Internacional de Mulleres Electas Locais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, constituíuse como un espazo de diálogo, sororidade e aprendizaxe mutua que permitiu analizar desde as barreiras e oportunidades para as mulleres na política local ata as boas prácticas municipais con enfoque de xénero, incluída a elaboración dos orzamentos. O evento, que se celebrou baixo o lema ‘Electas no local, unha voz global’, conta co financiamento da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. Neste marco constituíuse ademais a Rede de Mulheres Autarcas Caboverdianas.
O encontro, encadrado no Día Internacional das Mulleres e no ODS 5 da Axenda 2030, contou por tanto con madatarias de Cabo Verde, Mozambique e de Galicia, concretamente as alcaldesas de Burela, Cangas, Muros, Oímbra, Ponteareas e Salceda de Caselas, xunto con oito concelleiras de Ames, Arteixo, Burela, Malpica de Bergantiños, Nigrán, Santiago de Compostela e San Sadurniño.
Recepción da embaixadora
As rexedoras, xunto co presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, foron recibidas pola embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes, que valorou o labor de cooperación realizado no arquipélago lusófono. Do mesmo xeito, o coordinador da Cooperación Española no país, Fernando Regúlez, ofreceu unha panorámica sobre a situación de Cabo Verde e a posibilidade de seguir traballando conxuntamente. A maior parte da delegación galega voa hoxe de regreso, mentres que outra parte do equipo ficará para supervisar os proxectos de agricultura sostible nos municipios de Tarrafal e São Miguel.