Máis de vinte participantes no programa Vacacións con Traballo danse cita en Pontevedra

Máis de vinte participantes no programa Vacacións con Traballo danse cita en Pontevedra

Máis de vinte participantes no programa Vacacións con Traballo danse cita en Pontevedra 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Máis de vinte técnicas e técnicos municipais participantes no programa Vacacións con Traballo reúnense hoxe en Pontevedra para reflexionar sobre a cooperación internacional desde o local. Nicaragua, Cabo Verde, Cuba ou Perú son algúns dos países onde persoal das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desenvolveron o seu mes de voluntariado na última década, en áreas como turismo sostible, igualdade, urbanismo ou xestión ambiental.

A concelleira de Benestar Social e representante do Fondo Galego na cidade de Pontevedra, Carme Fouces, deulles a benvida ás e aos asistentes no Centro Social Pontevedra Sur, onde o Concello vén de cederlle un espazo á Secretaría Técnica da entidade. Ao longo da xornada, e a través de diferentes dinámicas, as empregadas e empregados municipais, procedentes das catro provincias galegas, achegarán as súas ideas para mellorar Vacacións con Traballo e, en xeral, a implicación das administracións locais e provinciais no Fondo Galego.

O persoal municipal e provincial achegou as súas ideas para mellorar o programa de voluntariado.Seis persoas viaxarán este ano a países do Sur a través deste programa, polo que xa pasaron unha trintena de técnicas e técnicos municipais que invisten as súas vacacións en colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e cos proxectos que cofinancia para apoiar as poboacións empobrecidas. Alén de achegar os seus coñecementos, as e os participantes sensibilízanse con outras realidades e, tanto a través do blog que actualizan desde terreo como á súa volta, conciencian sobre a importancia da solidariedade e os valores que tiran das súas vivencias.

As experiencias e toda a información sobre a iniciativa están dispoñibles na bitácora vacacionscontraballo.wordpress.com. O de Pontevedra é o segundo encontro das persoas participantes neste programa, despois do celebrado en 2012 na Illa de San Simón e do que se extraeron interesantes reflexións que están recollidas en vídeo na canle do Fondo Galego en Youtube.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información