Máis de vinte concellos “apáganse” para concienciar sobre a emerxencia climática

Máis de vinte concellos “apáganse” para concienciar sobre a emerxencia climática

Máis de vinte concellos “apáganse” para concienciar sobre a emerxencia climática 1500 1500 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Un total de 24 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade uniranse este sábado, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, igrexas, torres e outros monumentos co fin de concienciar sobre o consumo enerxético. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.

Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 5,8% no ano 2020, tratouse dun descenso coxuntural debido á paralización da actividade por mor da Covid-19, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía para evitar o impacto ambiental que supón producila. Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos.

En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a protexer os ecosistemas, que é o tema no que este ano se centra o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema ‘Reimaxina, rexenera, restaura’. Ademais, o “apagón” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se impulsarán nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’ durante os vindeiros catro anos e que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc.

Búscase así contribuír a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e, en especial, ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. Nestes momentos, estase a levar a cabo nos nove países participantes unha enquisa para recadar a opinión de xente nova de entre 15 e 34 anos sobre a crise climática, a escaseza de auga e os novos hábitos sostibles. O cuestionario pode cubrirse en http://bit.ly/EnquisaGal.

Consulta aquí a listaxe de concellos e monumentos que se “apagarán”.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información