Máis de vinte concellos intercambian experiencias de sensibilización con Portugal, Alemaña e Holanda

Máis de vinte concellos intercambian experiencias de sensibilización con Portugal, Alemaña e Holanda

Máis de vinte concellos intercambian experiencias de sensibilización con Portugal, Alemaña e Holanda 1199 678 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Representantes de máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asistiron esta maña en Pontevedra ao Seminario Internacional 'Intercambios en metodoloxías e materiais de educación para o desenvolvemento', no que participaron tamén entidades de Portugal, Alemaña e Holanda. O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e mais a tesoureira da entidade e concelleira en Pontevedra, Carme Fouces, abriron o evento salientando que o compromiso cos dereitos humanos debe ser sinal de identidade dunha sociedade global cada vez máis interconectada e multicultural.

Tomoulles o relevo a través de videoconferencia Frederike Hassels, da ONGD alemá Fine+p, que incidiu na capacidade transformadora da educación para o desenvolvemento impulsada polas administracións locais. Pola súa banda, o director da fundación holandesa LBSNN, Ronald van der Hijden, apostou por non apelar á compaixón senón por amosar nas campañas de sensibilización o potencial dos países do Sur e puxo como exemplo das súas actividades os murais latinoamericanos que o alumnado pinta nas escolas dos Países Baixos.

Inspiración para municipios lusos

Non faltou á cita a Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, creada en Portugal co asesoramento do Fondo Galego nos inicios do proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento, en cuxa segunda fase se encadra o Seminario desta mañá. Os concellos de Loures e O Seixal estiveron presentes canda o Instituto Marquês de Valle Flôr, se ben foi o vicepresidente da RICD, Paulo Ramalho, quen presentou a entidade, salientando o valor do traballo en rede tanto entre municipios como coas propias ONGD.

Concellos galegos coma o de Burela e o de Moaña compartiron as súas boas prácticas en ED.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade expuxo a seguir o seu propio modelo de xestión das actividades de educación para o desenvolvemento no eido local, que está a servir de referencia para os parceiros europeos. Entre estas accións de sensibilización áchase Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das administracións socias. A bibliotecaria redondelá María José Villar, que colaborou o ano pasado en Cabo Verde, e Diego Sánchez, que viaxou a Nicaragua cando era técnico de Turismo do Concello de Castrelo de Miño, compartiron senllas experiencias, coas que procuraron achegar o seu gran de area para mellorar a vida das persoas.

Angélica Gómez e María Ortega, concelleiras respectivamente de Burela -con máis de trinta nacionalidades- e Moaña, exemplificaron as boas prácticas dos municipios galegos en educación para a cidadanía global, e remataron solidarizándose coas persoas refuxiadas. A mañá pechouse cunha conexión con María Helena Correia, presidenta da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, coa que o Fondo Galego comezou a traballar este ano para fomentar a participación feminina na política local. A tamén alcaldesa animou a rexedoras e concelleiras galegas a acudir ao intercambio de experiencias que en setembro terá lugar en Mozambique coas súas homólogas africanas, tal e como lembraron as representantes dos concellos de Pontevedra e A Coruña presentes na mesa.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información