Máis de 40 Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade acollerán ata o mes de decembro contacontos, charlas, cine ou exposicións, nun ano ateigado de actividades para celebrar o 15º aniversario da entidade. O 30 de novembro terá lugar en Santiago de Compostela o acto central, un evento que incluirá debates, premios, proxeccións e teatro para conmemorar tres lustros de compromiso das administracións locais e provinciais de Galicia co desenvolvemento humano.
O groso das actuacións concentraranse no presente mes, arredor do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza fixado pola ONU no 17 de outubro. O Fondo Galego colabora coa Coordinadora Galega de ONGD na promoción de actividades para concienciar sobre as desigualdades e a loita por un mundo máis xusto. Deste xeito, difundiu entre as Deputacións e Concellos socios as exposicións dunha decena de organizacións non gobernamentais sobre temas tan diversos coma a paz, comercio xusto, xénero, medio ambiente ou educación.
A estas súmanse as mostras que oferta o propio Fondo e outras actividades de seu coma as ‘Charlas contra a indiferenza’, a xira do espectáculo ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, os ciclos de cine e o concurso fotográfico ‘Imaxes con Fondo’. A colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD encádrase no Plan de Sensibilización 2012, cofinanciado pola Xunta de Galicia. O documento propón a promoción de alianzas con outros axentes do sector para fortalecer o tecido solidario do país.