Reflexionar sobre a política pública de cooperación ao desenvolvemento de concellos, deputacións, mancomunidades e redes municipais é o principal obxectivo do 2º Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, que terá lugar os próximos días 7 e 8 de febreiro no Museo Interactivo da Historia de Lugo e no Vello Cárcere. O evento, para o que xa está abertaa a inscrición, busca ademais visibilizar os esforzos dos municipios e pór en valor o seu papel na consecución dun mundo máis xusto e igualitario, tanto na súa contorna máis próxima como a nivel global.
O impacto da cooperación municipalista nos denominados países do Sur, a implementación da Axenda 2030 a nivel local ou o novo marco legal que afecta as administracións locais neste ámbito son algúns dos temas que se abordarán. O programa inclúe ademais debates sobre as novas estratexias na educación para a cidadanía global e sobre a cooperación técnica realizada polo persoal municipal.
Tras o éxito de convocatoria do primeiro Encontro Estatal celebrado en Córdoba no ano 2021, Lugo será a cidade que acolla a representantes políticos, persoal técnico e membros das principais entidades e redes que apostan pola cooperación internacional impulsada desde o ámbito local e pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).
O evento espera reunir a responsables políticos e institucións de todo o Estado para continuar o diálogo ao redor da política pública municipal de cooperación e acción internacional. Deste xeito, o martes 7 e o mércores 8 de febreiro uniranse esforzos, exporanse novos retos e compartiranse experiencias a través de diálogos políticos, sesións plenarias, talleres, intercambios técnicos e axenda cultural. Todo coa cooperación descentralizada municipal no centro e nun contexto crave para a cooperación ao desenvolvemento impulsada desde os gobernos locais.
O 2º Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento está organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, que aúna a máis de 1.300 gobernos locais activos en cooperación internacional, e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Conta así mesmo coa colaboración da Xunta de Galicia, Fegamp, Dirección Xeral de Políticas de Desenvolvemento Sustentable, AECID e o programa DEAR da UE, ademais do Concello de Lugo e a Deputación de Lugo.