Poñer en contacto a realidade das mulleres peruanas coas galegas é o principal obxectivo das citas para calcetar que InteRed organiza en Santiago de Compostela. Os encontros 'Entretecendo' encádranse no proxecto que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lle financia á ONGD para mellorar a atención ás vítimas da violencia de xénero no país andino. Ao tempo que reflexionan sobre os dereitos das mulleres, as participantes elaboran unha obra colectiva coa que se cubrirá a escultura dalgunha persoeira destacada.
As xuntanzas deron comezo en abril e reeditaranse o 12 e o 26 de maio e mais o 9 de xuño na sede de InteRed, situada na Praza do Matadoiro, de 20 a 22 horas. Durante as sesións preséntase o proxecto en Perú e campañas como 'Actúa con coidados, transforma a realidade', amais de debater sobre economía feminista, gordofobia, publicidade, etc. O día 26 contarase coa presenza de Ángeles López, destacada defensora dos Dereitos Humanos en
México, que exporá a difícil situación das mulleres en Guanajato. As persoas interesadas só teñen que levar as agullas, xa que a organización facilita a la e asesoramento de balde.
A actividade culminará o 16 de xuño cunha acción de "yarn bombing" ou "urban knitting", unha técnica de arte urbana baseada nunha tarefa, a de tecer, que comparten mulleres de todos os tempos e culturas. Celebrarase un acto arredor da escultura dunha dona significativa, que se cubrirá coa peza elaborada en conxunto. Trátase dunha aposta polo recoñecemento das mulleres, pero tamén pola apropiación do espazo público, por facer do persoal político, relacionando o individual co colectivo e rompendo a dicotomía público/privado.
'Entretecendo' organízase en solidariedade co grupo de mulleres quechuas e aimaras que na rexión peruana de Puno traballan para mellorar a efectividade do itinerario de atención ás vítimas de violencia familiar e sexual. O Fondo Galego apoia este labor achegando 29.343 ao proxecto de cooperación internacional impulsado por InteRed e o Movimiento Manuela Ramos. A iniciativa capacita a lideresas das organizacións indíxenas e sensibiliza aos operadores policiais e xudiciais para que se respecten os dereitos das mulleres.