O Fondo Galego de Cooperación e a ONGD InteRed están a impulsar a participación das mulleres quechuas e aimaras na rexión peruana de Puno para mellorar a efectividade do itinerario de atención ás vítimas de violencia familiar e sexual. A asociación de concellos e deputacións cofinancia con 29.343 euros este proxecto de cooperación internacional que implementa sobre o terreo a ONGD feminista Movimiento Manuela Ramos e que se fai público no mes en que se conmemora o Día das Mulleres.
Co fin de promover o dereito das mulleres a unha vida sen violencia, a iniciativa baséase en dous piares. Por unha parte, formar a 60 lideresas de 18 organizacións no coñecemento dos seus dereitos e da cultura patriarcal para que vixíen e incidan no correcto funcionamento da ruta de atención. Doutra banda, sensibilizar aos operadores policiais, xudiciais e fiscais involucrados nese itinerario para que se respecten os dereitos das vítimas e se aplique a xustiza pertinente. Para conseguilo, realizarase unha campaña a través dos medios de comunicación, complementada con actividades como feiras, marchas e festivais.
Os estudos revelan que o 46% das mulleres da rexión de Puno teñen sufrido agresións físicas por parte da súa parella e ata un 80% experimentou situacións de control e violencia verbal, prácticas que a miúdo se naturalizan como parte da vida cotiá. O sistema xudicial desestima en moitas ocasións a apertura de procesos ou absolve aos agresores por "ebriedade" ou por unha suposta "actitude insinuante" das vítimas, culpabilizándoas, e mesmo a policía se nega a admitir as denuncias formuladas en linguas indíxenas.
As mulleres andinas padecen ao longo do proceso estas e outras formas de discriminación que as “revitimiza”, nun contexto de tolerancia coa problemática da violencia de xénero tanto desde as instancias institucionais como desde a sociedade civil. A isto súmase unha contorna na que a pobreza chega ao 56% no eido rural, os índices de escolarización das rapazas son baixos e dáse unha maternidade temperá, moitas veces por casos de violación.
O proxecto contempla ademais actividades de sensibilización en Galicia para poñer en contacto a realidade das mulleres peruanas coas galegas a través de citas para tecer. Levaranse a cabo en Santiago de Compostela catro encontros 'Entretecendo' para elaborar unha obra colectiva de gancho, ao tempo que se reflexiona arredor da economía feminista e os dereitos das donas. Ao remate, celebrarase un acto arredor da escultura dunha muller significativa, que se cubrirá coa peza tecida. Practícase así a técnica de arte urbana coñecida como yarn bombing ou urban knitting mediante unha actividade, a de tecer, que comparten mulleres de todos os tempos e culturas. Trátase dunha aposta polo recoñecemento das mulleres, pero tamén pola apropiación do espazo público, por facer do persoal político, relacionando o individual co colectivo e rompendo a dicotomía público/privado.