As obras de Novenoel e Eva Seoane que gañaron o I Certame de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 'Muros que unen' ilustran as primeiras páxinas dun novo número do boletín 'Infórmate a Fondo', que recolle tanto a entrega de premios no Concello da Coruña como as impresións do autor e a autora arredor da arte urbana.
Na publicación que reune as novas máis recentes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fala tamén o voluntariado das Vacacións con Traballo, programa que levou a unha técnica de Turismo do Concello de Santiago, Yolanda Ferro, a colaborar en Cabo Verde coa Cámara Municipal de Santa Cruz, e a un informático da Deputación da Coruña, Manuel Fuentes, a cooperar coa Fundação Encontro.
Nos últimos meses desenvolveuse asemade a segunda edición das Vacacións con Traballo en Galicia, que trouxeron a únha técnica da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique a intercambiar coñecementos con persoal dos concellos de Nigrán, Ames e Rianxo. Reforzar as capacidades dos municipios do Sur era o obxectivo da estadía de Elsa Dimande, que se amosou interesada nas áreas de igualdade de xénero, traballo social con nenas e nenos, urbanismo para o benestar da infancia e o orzamento participativo nestas materias, así coma o
asociacionismo feminista.
Desde Honduras visitáronnos ademais seis alcaldes e unha alcaldesa dos sete municipios costeiros que integran a mancomunidade Nasmar, onde o Fondo Galego financia un proxecto de Enxeñería sen Fronteiras co fin de fortalecer tecnicamente a estes concellos para garantir o acceso á auga potable e ao saneamento da poboación rural, como dereito humano básico, mediante unha xestión integrada que contemple enfoques de transparencia e participación cidadá. As autoridades locais hondurñas compartiron impresións arredor destes servizos nos concellos de Arteixo, Castrelo de Miño, Teo e Santiago de Compostela, onde tamén se celebrou un Foro Aberto.
O IAF 151 faise eco asemade da iniciativa de cooperación técnica con Cabo Verde impulsada polo Concello de Ames, as formacións e xuntanzas mantidas no seo da Confederación de Fondos, a visita do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou as actividades da Coordinadora Galega de ONGD que contaron con representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.